Galicia en Común pregunta no Congreso sobre as medidas de protección radiolóxica para as explotacións de litio

  • Gómez Reino: “Xa se teñen iniciado procedementos penais por prevaricación contra altos cargos e funcionarios da administración de minas de Galicia por ter autorizado proxectos mineiros sen o preceptivo informe de impacto ambiental”

Luns, 24 de maio. Galicia en Común vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso sobre a inclusión das pegmatitas do tipo LCT (litio, cesio tantalio) no listado da Instrución IS-33 do Consello de Seguridade Nuclear (CSN) e da minería de litio nos listados NORM (minerais radioactivos de orixe natural) das industrias expostas ao risco de radiacións. 

O deputado Antón Gómez Reino lembrou este luns que debido ao aumento da demanda de litio multiplicáronse os proxectos de explotacións de minas que se atopan en formacións pegmatíticas, as cales inclúen minerais radioactivos como o cesio, uranio, rubidio ou radio. Como o litio é un metal non radioactivo, para o seu tratamento as autoridades competentes non someten estes proxectos a informes de avaliación impacto ambiental nin tampouco a estudos do CSN.  

De feito, este órgano público xa respondera a Galicia en Común ao respecto explicando que o litio non está incluído no listado da IS-33 do CSN, tampouco nos listados de industrias NORM, polo que nestes casos, non está obrigado a someterse no regulamento de materia de protección radiolóxica. 

O grupo parlamentario preguntou sobre a actualización destes listados e a inclusión das pegmatitas do tipo LCT (litio, cesio, tantalio), e tamén fixo referencia a que as correspondentes comunidades autónomas que ignoran a Instrución IS-33 respecten as medidas necesarias para evitar a contaminación por radioactividade. Galicia en Común considera que proxectos que actualmente están en trámite deberían contar cun informe preceptivo do CSN para levar a cabo unha correcta avaliación dos riscos.

“Este tipo de explotacións poden contraer efectos adversos á saúde das persoas, é obriga das autoridades garantir as medidas necesarias para evitar afeccións negativas sobre a comunidade e o ecosistema”, alegaba esta mañá o deputado.

Tamén, considerou que “os estudos ambientais pertinentes teñen que avaliar con detalle a presencia destes minerais radioactivos nas formacións pegmatíticas, algo do que xa veñen avisando os colectivos e cidadanía dende fai anos”.