- O grupo parlamentario tamén lle demandará ao Consello Superior de Deportes se mudou o seu criterio en relación ao apuntado no mes de xullo sobre as responsabilidades do Fuenlabrada e de La Liga permitindo a viaxe do equipo á cidade da Coruña
Madrid, 28 de agosto de 2020.- O grupo parlamentario de Galicia en Común rexistrará o luns no Congreso varias preguntas para a súa resposta por escrito en relación á resolución do Tribunal Administrativo do Deporte emitida o pasado 26 de agosto. En dito documento declárase que é La Liga, presidida por Javier Tebas, a competente para resolver o acontecido na previa do partido entre o Deportivo e o Fuenlabrada, que se tiña que ter celebrado o pasado 20 de xullo en horario unificado.
Nese sentido, Galicia en Común exporá no seu escrito que “dende o punto de vista da saúde publica, o propio Consello Superior de Deportes ao que está adscrito organicamente o TAD alertou nun informe con data de 22 de xullo” sobre as responsabilidades do clube madrileño e de La Liga na aplicación e supervisión do protocolo de detección de Covid-19. Segundo ese documento o CSD entende que se produciu “un grave erro ao emprender a viaxe” á cidade herculina.
No documento pedirase tamén que se coñezan “as posibles responsabilidades de Javier Tebas” tras ter afirmado no mes de maio que “é imposible que nos veña un club con cinco contaxiados. Se vén é que houbo neglixencia nesa xestión ou incumplimento das normas sanitarias”.
O voceiro do grupo, Antón Gómez Reino, demandará se na resposta do TAD do pasado 26 de agosto houbo algún tipo de inxerencia ou presión por parte do presidente de La Liga; se o Consello Superior de Deportes cambiou o seu criterio en relación ás responsabilidades do Fuenlabrada e de La Liga por non aplicar correctamente o protocolo e se ambos organismos tiñan decidido antes da reunión celebrada onte que o calendario de Segunda A ía estar composto por 22 equipos no tocante de 24.