- Sobre o Pazo de Meirás, Gómez Reino asegurou que “o obxectivo do señor Feijóo é rebaixar o contido do que debería ser o pazo como faro de memoria democrática”
- “A dereita oponse sistematicamente a conseguir dereitos. Fíxoo en 1981 coa lei do divorcio, en 1983 co aborto, en 2005 coa lei do matrimonio homosexual e en 2020 coa lei da eutanasia”
- “Os partidos que se opoñen a investigar as contas opacas do rei emérito o que están é a traballar para que haxa unha maioría parlamentaria nos vindeiros anos que si investigue estas contas”
Madrid, 15 de decembro de 2020.- O deputado de Unidas Podemos e voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, anunciou hoxe en rolda de prensa que o Grupo Parlamentario presentará ao longo do día unha Proposición non de Lei “para que o Estado apoie ás administracións competentes na reclamación xudicial da Casa Cornide”.
“A semana pasada foi histórica”, indicou o portavoz, “coa entrega das chaves do Pazo de Meirás ao Estado e, como levamos dicindo nas últimas semanas é momento de abrir un tempo novo onde non teña cabida máis impunidade para a dictadura”. Nese sentido o deputado preguntouse “cal é o interese do señor Feijóo que tras pasarse anos votando en contra de recuperar o pazo e de dicir en 2017 que era franquista expropiar o inmoble, agora o seu único obxectivo sexa rebaixar o contido do que debería ser o pazo de Meirás, un faro de memoria democrática”.
O portavoz de Galicia en Común tamén fixo referencia á votación da semana pasada na Comisión de Xustiza da lei de eutanasia, “que abre unha fiestra de alivio para moitas persoas neste país que o único que queren é ter unha morte digna”. Por iso tivo un especial recordo para “Ramón Sampedro, cuxa historia lembramos todos os galegos e galegas e que hai máis de 20 anos colocaba este asunto na opinión pública. A súa loita e a de Ramona Maneiro, aínda que máis de dúas décadas despois, pagou a pena”.
Gómez Reino afeou ademais o voto en contra da dereita “que ademais de non cumprir cos seus deberes se opón aos dereitos da maioría. Vímolo en 1981 opoñéndose á lei do divorcio, en 1983 coa lei do aborto ou en 2005 votando en contra da lei do matrimonio homosexual”.
O deputado de Unidas Podemos tamén lembrou que este mesmo martes “a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, se reunirá cos axentes sociais no Ministerio para tratar unha nova subida do salario mínimo”. Gómez Reino defendeu a necesidade de que se consiga un aumento do SMI xa que “todos os salarios están subindo, tanto o do funcionariado, como as pensións ou os convenios colectivos, por tanto non podemos deixar atrás aos que menos cobran”.
O deputado recordou tamén que todos os países da contorna, como Alemania, Francia, Portugal, Reino Unido ou Luxemburgo, están subindo o SMI “o que nos amosa que as políticas de austeridade non son a receta para saír de ningunha crise”.
Finalmente, en relación á decisión da maioría da Mesa do Congreso de rexeitar crear unha Comisión de Investigación polas contas opacas do rei emérito, tal e como pediu o Grupo Parlamentario confederal, o portavoz sinalou que “os partidos que se opoñen a investigar isto están a traballar para que nun futuro haxa unha maioría parlamantaria que si investigue estas contas”.
Aquí podes escoitar as declaracións de Antón Gómez Reino e aquí volver ver a rolda de prensa