Gómez Reino: “Non pode ser que o rural transfira riqueza a zonas urbanas que non é compensada de maneira suficiente nin adecuada, incidindo máis no desequilibrio territorial”
Madrid, 16 de setembro de 2020.- Galicia en Común vén de rexistrar ante a Mesa do Congreso unha Proposición Non de Lei para que o goberno do Estado impulse un Plan de acción polo reto demográfico en Galicia que remate co desmantelamento e despoboamento que sufre o rural do noso país dende hai anos.
“Trátase dunha iniciativa”, explicou Antón Gómez Reino, “que aposte por mellorar infraestruturas, equipamentos, servizos e prestacións públicas que fagan atractivo o noso rural; que se guíe por criterios de eficiencia e cohesión territorial e que conte coas dotacións económicas adecuadas”. Tal e como lembrou o voceiro “non pode ser que o rural transfira riqueza a zonas urbanas que non é compensada de maneira suficiente nin adecuada, incidindo máis no desequilibrio territorial”.
Na PNL presentada, Galicia en Común pon sobre a mesa algúns datos demográficos en relación ás zonas rurais do país. O 36% da poboación galega vive nas 7 grandes cidades, unha cifra que aumenta ata o 56% se falamos das comarcas que rodean estas localidades. En canto a envellemento poboacional, é aínda máis evidente nos municipios de entre 500 e 1.000 habitantes, que aumenta ata os 58 anos polos 49 anos do resto de España.
As perspectivas de futuro semellan profundizar nesta crise, xa que as proxeccións de poboación do INE entre os anos 2018 e 2033 indican que Galicia perderá arredor de 5 puntos de poboación, ao contrario do que acontecerá no resto do Estado. Unha cifra que case se duplica en Ourense (-9%) e en Lugo (-8,2%).
Existe unha relación directa entre a crise demográfica sufrida polas comarcas rurais de Galicia e outras comunidades e o importante déficit de políticas públicas destinadas a manter e dinamizar a actividade e a propia vida dos territorios. Os orzamentos en programas relacionados coa competitividade e a calidade da produción agraria caeron dende os 188 aos 91 millóns de euros no período 2011-2018, o que significa unha caída do 70,3%.
O desequilibrio territorial das axudas dirixidas ao medio rural, o progresivo desmantelamento de servizos públicos básicos como centros educativos, sanitarios, sociais ou xudiciais, así como a desaparición de servizos privados e a falta de infraestruturas provocan que o noso rural se vaia debilitando e acelera o seu progresivo deterioro.
Dende Galicia en Común enténdese que “o mundo rural ofrece grandes posibilidades no marco dunha aposta por unha economía máis sustentable. As potencialidades que existen están ligadas ao crecente recoñecemento dos valores ambientais, sociais e culturais dunha actividade agraria e forestal máis vencellada ao territorio e aos seus recursos naturais”. Na PNL óptase por definir un novo modelo socioeconómico que ofreza un futuro digno e próspero para as nosas comunidades rurais.