Galicia En Común reafirma a urxencia de abordar unha transición ecolóxica e xusta que non destrúa emprego

Os deputados Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino preguntan ao Goberno polas axudas aos transportistas tralo anuncio da paralización da actividade da Térmica de As Pontes.

Madrid, 13 de decembro de 2019. Os deputados de Galicia en Común no Congreso, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino rexistraron este venres varias preguntas ao Goberno para coñecer as previsións do executivo en relación á activación de axudas ou liñas de crédito blandas aos transportistas do carbón afectados pola paralización da actividade na Central Térmica de As Pontes.

Os deputados de Galicia En Común lembran que “cando no ano 2018 Endesa anunciou o investimento de 220 millóns de euros na central para adaptala á nova normativa europea de emisións, o colectivo de transportistas do carbón que operaba con esta central, ao redor de 150 persoas, decidiu facer o propio e investir na mellora dos seus veículos, pedindo liñas de crédito para mellorar tanto as bañeiras como os propios camións”. 

Estes transportistas, salvo os días que transportaron carbón desde a terminal de Caneliñas ata a térmica de As Pontes, levan oito meses sen traballo e acumulan perdas que superan os 14 millóns de euros, motivo polo que iniciaron mobilizacións. Entre elas, o peche que realizaron na Casa do Concello de As Pontes, onde os visitou hai uns días a deputada de Galicia En Común, Yolanda Díaz.

Díaz sinala que só piden“axudas para tentar sobrelevar as perdas ás que teñen que facer fronte agora tralo parón da actividade e coas liñas de crédito pendentes de pago”.

Por este motivo, os deputados de Galicia En Común preguntan ao Goberno se contempla activar algún tipo de axudas para os transportistas do carbón após o anuncio de paralización da actividade da central de As Pontes, e en caso afirmativo, qué tipo de axudas se activarían e cando.

En caso contrario, os parlamentarios galegos preguntan se o Goberno contempla, tal e como demanda o colectivo de transportistas, a activación de “créditos brandos” ou anos de carencia no pago dos créditos ata que se solucione esta situación de inactividade na que se atopan.

Así mesmo, os deputados lembran que as empresas auxiliares que actualmente traballan para esta central térmica empregan a preto de 250 persoas, o outro colectivo afectado por este repentino peche, polo que tanto Yolanda Díaz como Antón Gómez-Reino preguntar polas alternativas que ten previsto emprender o Executivo nas comarcas afectadas pola paralización da actividade na planta de As Pontes a corto e medio prazo ante a probable destrucción de emprego que se producirá.

Finalmente destacar que desde Galicia En Común nos reafirmamos na urxencia de abordar a transición ecolóxica pero tamén que ésta debe ser xusta, e onde por cada posto de traballo que se destrúa se debe crear un novo.