Galicia en Común remata a campaña electoral apoiando os sectores produtivos que son «fundamentais» para o noso país

O candidato pola Coruña, Antón Gómez-Reino, destacou este venres desde Sada que este domingo «ninguén pode quedar na casa» porque «un Goberno de esquerdas é posible».

Sada, 8 de novembro de 2019. Antón Gómez-Reino, xunto co tamén candidato Adrián García Seijas, visitaron esta mañá Sada para manter unha xuntanza con ACERGA e abordar a problemática en torno ao cerco.

«Queremos rematar a campaña electoral apoiando a un sector produtivo tan importante para o país como é a pesca. Queremos facer fincapé en que os sectores produtivos primarios son fundamentais para o noso país, porque xeran unha economía basada na sustentabilidade e asentan poboación», sinalou Gómez-Reino.

O candidato incidiu en que «todo o mundo entende que sería fundamental que foran galegos e galegas quenes tivéramos a palabra sobre as políticas públicas en matearia de pesca, así como no agro e do sector lácteo, onde o papel que xoga Galicia é crucial».

Gómez-Reino sinalou que a aspiración de Galicia en Común «ten que ver con construír un goberno de esquerdas a partir do 10N e un goberno no que Galicia estea dentro» destacando «unha sensibilidade galega especialmente marcada co noso sector do mar e co resto dos sectores da produción primaria».

Respecto á pesca artesanal e ao cerco, o deputado incidiu en que levamos moito tempo trasladando as demandas porque teñen problemas que veñen derivados da falta de vontade política, «como por exemplo marcos normativos que dificultan a súa actividade».

» O noso compromiso con eles é total, con propostas como modificar as TACs e a política común de pesca da UE. Ademais de como pide o propio sector, rebaixar o IVE dos produtos do mar, xa que sería moi importante para favorecer a venta destes produtos, ademais de para fomentar unha alimentación saudable», incidiu.

PECHE DE CAMPAÑA ELECTORAL

O cabeza de lista pola Coruña fixo tamén un chamamento á mobilización no peche desta campaña electoral.

«Fago un chamamento sabendo que hai moitísima xente que o 28A votou ao PSOE pero que agora mesmo síntese defraudada, nós chamamos a toda esta xente para quee non quede na casa, porque un goberno de esquerdas é posible», sinalou.

Ante isto, destacou que o voto a En Común-Unidas Podemos é un voto que vale triple:

  • Vale para parar á extrema dereita e para evitar unha maioría de dereita nas provincias da Coruña e Pontevedra.
  • Para arrastrar ao PSOE a facer un goberno de esquerdas con Galicia dentro do Consello de Ministros, algo do que estamos máis preto que nunca de conseguilo.
  • Para rachar co bipartidisimo en Ourense e Lugo.