Galicia en Común reúnese coa Cofradía de Pescadores de Ferrol para recoller as súas demandas laborais e medioambientais

Ferrol, 10 de febreiro de 2020.- O voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez-Reino, reuniuse na tarde de hoxe coa dirección da Cofradía de Pescadores de Ferrol. Os eidos ambiental, co saneamento da ría; así como o laboral, co incremento dos coeficientes reductores ao 0,30% ou o recoñecemento das enfermidades laborais son dúas das cuestións que encabezan as reivindicacións da Cofradía de Pescadores.

O deputado trasladoulle aos membros da Cofradía que nas últimas lexislaturas foron numerosas as iniciativas rexistradas neses dous campos. Presentarónse tanto preguntas escritas como proposicións non de lei para denunciar o mal estado tanto dos bancos marisqueiros como da totalidade da ría ferrolá, demandando unha limpeza exhaustiva tanto dos lodos acumulados nos fondos marinos, que merman a pesca na zona, así como dos restos da antiga Ponte das Pías. Por parte da Cofradía alertan de que cada día hai menos persoas faenando e de que levan tempo demandando á Consellería do Mar un estudo específico sobre a morte do marisco e tamén das causas da falta de crecemento do mesmo.

Nese sentido Gómez-Reino lembrou que na negociación dos pasados Orzamentos Xerais do Estado, que non foron aprobados, incluíase un Plan de limpeza integral e ampliación dos bancos marisqueiros da ría de Ferrol, un plan de saneamento integral das rías galegas ou a extracción dos restos sumerxidos na antiga Ponte de As Pías, cuestións que se trasladarán tamén na negociación dos orzamentos deste ano en curso.

Ademais avanzou que no que ten que ver co recoñecemento das enfermidades profesionais “cónstanos que o Ministerio que dirixe Yolanda Díaz está a traballar e ten como prioridade este asunto”. O voceiro de Galicia en Común trasladoulles tamén que “no que ten que ver cos coeficientes reductores teremos interlocución co Ministro de Seguridade Social” a través da Comisión de Traballo, Inclusión, Seguridade Social e Migracións que preside o propio Gómez-Reino.