Galicia en Común sitúa o feminismo como a ferramenta para construir o futuro

Yolanda Díaz, Ángela Rodríguez e Cristina Fallarás debateron este xoves sobre a necesidade de colocar o feminismo como peza transversal para abordar o traballo, a educación ou os coidados.

Vigo, 24 de outubro de 2019. As candidatas de Galicia en Común, Yolanda Díaz e Ángela Rodríguez, acompañadas da xornalista Cristina Fallarás protagonizaron este xoves o acto «As Mulleres Contan», no que debateron sobre varias cuestións para abordar o feminismo como ferramenta para construir o futuro e como peza transversal para abordar o traballo, a educación ou os coidados.

«Temos que poñer este debate no centro. Hai que cambiar o paradigma do traballo, a economía debe ter un enfoque feminista. Temos que redefinir o modelo masculinizado que discrimina ás mulleres, coa fenda salarial e de pensións», sinalou a deputada Yolanda Díaz.

Ángela Rodríguez, que participou na elaboración e debate do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, lembrou a necesidade de fondos, porque «sen investimentos públicos as vidas de moitas mulleres están postas en risco».

Ademais, resaltou a falta de «educación formación feminista en todos os ámbitos».

«O caso de Luciano Mendez é un exemplo, unha persoa machista non pode dar clase na universidade publica», denunciou a deputada.

Por iso, as candidatas sinalaron que o 10N «o futuro, e esta ferramenta para construir o futuro,está nas nosas mans».

«A revolución en marcha pode ser frenada, pero podemos reforzala se nos mobilizamos. No Congreso, o noso grupo fixo moitas leis, o principal é poñer a vida no centro, os coidados», sinalou Díaz.

Polo seu lado, Ángela Rodríguez e Cristina Fallarás lembraron as grandes manifestacións do 8 de marzo, onde se situou o feminismo como motor de cambio.

«O 8M saímos ás ruas para demostras que nos organizamos doutra forma e que a economía ten que rexirse por outras normas. A economía consiste en que a maior parte de sociedade viva o mellor posible. As mulleres somos as únicas capaces de devolver a sociedade ao humano: a sanidade, a educación, a cultura», incidiu a xornalista.

Fallarás tamén resaltou a alta presenza masculina no acto: «o primeiro acto na miña vida no que vexo tantos homes nun acto feminista, é un paso importante».

POVISA

Ao remate do acto, as candidatas acudiron á mobilización para a recuperación de Povisa para a Sanidade Pública.

Yolanda Díaz incidiu en que «temos que mobilizarnos para defender o resate de Povisa para a rede pública».

«Basta xa de entregar a sanidade galega aos fondos voitre e basta de precarizar o emprego das súas traballadoras e traballadores», engadiu a deputada na concentración.