Galicia en Común sitúase en Lugo como a única forza capaz de rachar co bipartidismo e voltar sacar representación

Audio: https://bit.ly/339MfnJ

Lugo, 2 de novembro de 2019. Galicia en Común celebrou este sábado en Lugo un multitudinario acto que contou coa presenza da candidata de Lugo, Vanessa Somoza, acompañada de Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, entre outros, e como convidado, o historiador e exdeputado no Congreso, Xavi Domenech.

A candidata de Galicia en Común pola provincia de Lugo, Vanessa Somoza, salientou que “non imos dar un paso atrás na defensa dos dereitos das traballadoras e dos traballadores e do feminismo por moito que convoquen eleccións”, e que “precisamos votos útiles para a cidadanía, para poder levar ao Congreso os verdadeiros problemas da xente».

«Somos o único espazo capaz de rachar co bipartidismo en Lugo, voltaremos facelo e conseguiremos levar representación e as demandas dos lugueses e luguesas ás Cortes», incidiu.

Somoza sinalou a «urxente» situación na que se atopa a provincia de Lugo, que está reclamando atención e medidas urxentes. «Temos que salvar a nosa industria, o noso medio, romper o illamento e impulsar infraestruturas, acadar a reforma da PAC e prezo xusto do leite, e conseguir un xulgado do social e de violencia de xenero para Lugo», incidiu a candidata.

A candidata Yolanda Díaz foi a encargada de pechar este mediodía en Lugo o acto. Na súa intervención, a candidata de Galicia En Común destacou que nestas eleccións xogámonos «voltar ao bipartidismo”, e denunciou as mentiras da Ministra en funcións, Nadia Calviño, que se pasou por Lugo para asegurar que o PSOE pelexou polos sectores produtivos cando foi «todo o contrario». «Mañá hai unha macro manifestación das traballadoras e traballadores de Alcoa San Cibrao, e non están facendo nada”.

Díaz manifestou que é hora xa de “meterlle man ás grandes multinacionais da enerxía que permiten que moita xente en Galicia non poda prender a calefacción”.

Tamén lembrou os 9.000 millóns de euros que nos custou ás galegas e aos galegos a quebra das caixas de aforros, case o mesmo que o Orzamento galego (10.000 millóns).

«Non hai voto máis inútil que votar a quen non vai derogar a reforma laboral, e que quere implantar medidas como a mochila austríaca, que recortará, aínda máis, os dereitos das traballadoras e dos traballadores”. Amosou, así mesmo, a honra que supón que a imputación que hai enriba da mesa contra as deputadas e deputados galegos de Galicia En Común sexa por defender aos traballadores de Alcoa.

Pola súa banda, o candidato pola provincia de A Coruña, Antón Gómez-Reino, que tamén agradeceu a presenza de Xavi Domenech en Lugo, destacou que “todos somos conscientes de que enfrontamos unha campaña dura, onde os poderes van intentar que non teñamos o magnífico resultado que estou seguro de que teremos o 10N”, e fixo fincapé no lema de Galicia En Común para estas eleccións xerais, sinalando que “podedes contar con nós para defender a igualdade, os sectores produtivos, as pensións, o prezo do leite, …”.

No caso concreto de Lugo, o candidato de Galicia En Común denunciou que “esta provincia segue a ser unha das provincias onde se paga o leite máis baixo do Estado».

«O Goberno fai unha negociación nefasta en Bruxelas, esto provoca tamén que teñamos os portos da Mariña abandonados”, incidiu.

O historiador e exdeputado no Congreso, Xavi Domenech, arrincou os aplausos do público ao comezo da súa intervención na que destacou o “privilexio” que para el supuña participar na campaña de Galicia En Común Unidas Podemos. Domenech destacou que “os cataláns sempre nos sentimos orgullosos do traballo, da forza e da honestidade dos deputados galegos».

«Tedes uns grandísimos deputados e deputadas, e teñen que seguir no Congreso”, incidiu o historiados.

Denunciou, así mesmo, o feito de que “porque un señor non podía dormir, vémonos condenados a unha repetición electoral” e agora só queda, dixo, ou Unidas Podemos ou o PP, e “iso é o que nos xogamos nestas eleccións”.

En relación a Catalunya, Doménech lembrou que Pedro Sánchez “sabía que iba haber sentencia do procés. E aínda así convocou eleccións. Agora en Catalunya vivimos unha situación clara de bloqueo e represión. Esto non o vai solucionar Sánchez, non ten vontade. Isto ten unha solución que se chama diálogo. Ten que recoñecer que España é plurinacional. Catalunya é unha nación, Galicia é unha nación”, sentenciou Xavi Domenech.

A vicepresidenta do Parlamento de Galicia e Coordinadora Nacional de Esquerda Uni da, Eva Solla, puxo o foco, na súa intervención, no problema estructural que existe en Galicia, onde “o único voto útil é para Galicia En Común”.

Solla manifestou que “non precisamos un Goberno de dereitas, senón un de esquerdas que cumpra cos problemas reais da clase traballadora». A vicepresidenta do Parlamento lembrou que “en Lugo temos canteiras e hai problema coa silicose: non se pode seguir morrendo nin enfermando no posto de traballo».

A voceira do grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia, Luca Chao destacou na súa intervención que “hoxe temos que falar das cousas nas que non queren poñer o foco».

«Temos que falar sobre o que se vai facer cando veña a recesión, ou que se vai facer fronte á emerxencia climática, que se vai facer para loitar contra a violencia patriarcal, que se vai facer para loitar polas pensións e contra a precariedade”. E sinalou que “estamos aquí para conseguir condicións básicas para unha vida digna para a xente».

O acto foi presentado polo candidato de Galicia En Común – Unidas Podemos, José Pérez Afonso amosou  o seu agradecemento por poder participar deste proxecto “orgulloso de estar con todas loitando por un futuro digno».