Galicia en Común súmase ao minuto de silencio polas 15 vítimas da “Traxedia do Tarajal” e pide que se clarifiquen os feitos acontecidos hai 6 anos

Madrid, 6 de febreiro de 2020.- A entrada do Congreso dos Deputados na Carreira de San Jerónimo acolleu esta mañá un minuto de silencio en memoria das 15 persoas migrantes que perderon a vida hai hoxe 6 anos nun intento de entrada a Ceuta a nado disolto pola Guardia Civil con botes de fume e balas de goma. Na concentración, o voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino e outros deputados do Grupo Confederal como Enrique Santiago, Martina Velarde, Lucía Muñoz, Isa Franco e Ismael Cortés quixeron acompañar aos familiares das vítimas e a membros de entidades e sociedade civil que loitan pola defensa dos dereitos humanos.

Con posterioridade ao minuto de silencio, as entidades convocantes do acto presentaron no Rexistro do Congreso unha solicitude para que a Cámara Baixa inste ao goberno a dar visado as familias das vítimas do Tarajal para que podian recoñecer os cadáveres dos seus familiares, así como para que se clarifiquen as causas das mortes co obxectivo de que non se volva producir unha traxedia como a acontecida o 6 de febreiro de 2014. Ademais, no propio documento búscase que o Congreso inste ao Parlamento Europeo para que todos os 6 de febreiro se conmemore o Día Europeo das Vítimas das Fronteiras.

Con posterioridade aos feitos foi o Partido Popular quen utilizou a súa maioría absoluta no Parlamento para bloquear unha moción que propuña crear unha comisión encargada de investigar estes feitos e polos cales ninguén dimitiu nin asumiu responsabilidades.

O voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, insistiu na importancia de “defender os dereitos humanos e iso implica tamén que se esclareza este caso tan terrible”. O deputado sinalou ademais que “dende Galicia en Común e dende o grupo confederal de Unidas Podemos no Congreso traballaremos para que as fronteiras non sexan ese lugar onde perden a vida miles de persoas no Estreito e noutros lugares de Europa”.