Galicia en Común traslada ao Xefe do Estado a urxencia de conformar un Goberno progresista e evitar a repetición electoral

Audio: https://bit.ly/2kkbouO

Madrid, 16 de setembro de 2019.
 A voceira de Galicia en Común, Yolanda Díaz, trasladou este luns na rolda de consultas ao Xefe do Estado a necesidade de conformar un Goberno de coalición e progreso que evite a repetición electoral. 

«O que lle transmitimos ao xefe de Estado é a nosa vontade firme: non queremos unha repetición electoral, queremos que se poda formalizar un Goberno de progreso», sinalou a deputada. 

Díaz comezou a súa comparecencia trasladando as súas condolencias e condenando o triple asesinato machista. «Non pode continuar así. Volvemos reclamar medios materiais e recursos para evitar estes asasinatos a mulleres», incidiu.

A deputada mostrou a disposición a retomar o diálogo. «Estamos agardando unha resposta de Sánchez. Formalizamos unha última proposta o xoves, á que de forma sorprendente, en 10 minutos, Sánchez dixo que non. O que é singular en democracia é que se rexeite unha proposta sen sentarse a dialogar, ninguén o entende».

A situación é «inédita» porque «levamos máis de catro meses nos que nos atopamos cun candidato que fracasou na investidura porque non fixo os deberes, polo que parece que só sabe conxungar o verbo rexeitar».

A deputada trasladou ao Xefe do Estado a postura do grupo confederal, de abstención, no caso de que Sánchez sea o candidato.

GALICIA

A voceira de Galicia en Común trasladou en gran parte da súa conversa co Xefe do Estado a preocupación pola situación de Galicia e o impago dos anticipos a conta.

«Son 700 millóns de euros, o 10% do orzamento, son importes elevados», afirmou a deputada, que tamén fixo chegar «a necesidade de transferir a AP9 ou de recibir as mesmas bonificacións que outras CCAA, que non son efectivas para Galicia».

Entre outras cuestións, tamén se abordou a investigación do accidente do Alvia e a urxencia de rematar a Comisión de Investigación «para facer xustiza e depurar responsabilidades políticas «.

Entre outras cuestións, tamén se abordaron as consecuencias do Brexit e como poden afectar a Galicia, especialmente na pesca.

«Por estes motivos precisamos un Goberno estable que teña os intereses dos galegos e galegas no seu programa de actuación», incidiu.