«Galicia está moi preto do cambio político e ningún voto progresista pode quedar na casa o 5A»

Santiago, 11 de marzo.– “Esta coalición é unha boa nova para boa parte da cidadanía progresista deste país e a peor nova para o PP de Alberto Núñez Feijóo. Esta alianza demostra que estamos a altura da responsabilidade histórica e que representa o caudal político do cambio en Galicia que se ven manifestando nos distintos procesos electorais destes últimos meses e coido que éramos imprescindibles para o cambio no país”.

O candidato de Galicia en Común-Anova-Mareas a Xunta de Galicia, Antón Gómez-Reino, facía esta reflexión hoxe a mañá na presentación da coalición que lidera para capitalizar o cambio político no país o vindeiro 5 de abril e descabalgar ao PP de Alberto Núñez Feijóo logo dun longo decenio negro. Facía acompañado de Eva Solla, cabeza de lista por Pontevedra, e de Martiño Noriega, número tres na Coruña. 

“Adiar as elección autonómicas non pode ser unha cuestión de oportunidade política. Non é decisión de Feijóo, ten que ser cousa das autoridades sanitarias”, respostaba Gómez-Reino as preguntas dos medios nun almorzo informativo a primeira hora en Compostela. 

“Desde Galicia en Común temos moi claro que o fundamental é garantir a saúde pública do conxunto da cidadanaía galega e esa deber ser a preocupación máxima agora mesmo. Estamos en contacto permanente coas autoridades do Estado e da Xunta, e ao dispor das autoridades sanitarias para colaborar en que o proceso electoral se desenvolva con todas as garantías”, insistiu o candidato. 

“O tempo de Feijoo rematou. É evidente que o Goberno do Estado está a dar exemplo do tipo de medidas fundamentais que temos que facer a partir do 5A: suba do SMI, regular os alugueiros, evitar os desafuizamentos,… que marcan con claridade o camiño desde Galicia en Común-Anova-Mareas que temos que imprimir no próximo Goberno, plural e progresista, na Xunta de Galicia”, afirmou o candidato de Galicia en Común. 

Martiño Noriega quixo salientar que “esta coalición atende á esixencia de continuar construíndo unha alternativa caracterizada pola súa valentía e polo seu compromiso co cambio no país, un cambio que non debe ser só de persoas, senón tamén de políticas”.  

“Este espazo é percibido como chave e garantía dese cambio, e a nosa diversidade no campo da esquerda é reflexo da propia sociedade galega”. Noriega incidiu na idea de que “a diversidade non é un problema para esta coalición, senón que é un potencial”.  

“Somos conscientes de que se cometeron erros no pasado que non se poden repetir pero que non poden ocultar as conquistas do espazo, a súa valentía para disputarlle a hexemonía ao PP, con políticas diferentes polas que ás veces se nos fixo pagar un alto prezo, tamén no municipalismo”.  “Todas esas patas son precisas para un cambio”, recalcou o número tres. 

Pola súa banda, Eva Solla, manifestou a súa ledicia por integrar unha coalición que “por en valor o traballo que vimos realizando nas últimas lexislaturas no Parlamento de Galicia. “Cómpre destacar”, subliñou, “que o noso programa bebe deste traballo en cuestións como loitar contra a proliferación do xogo e das casas de apostas” e fixo fincapé en que “fomos o Grupo que máis iniciativas levamos en materia de sanidade pública, na defensa dos servizos públicos e na igualdade entre mulleres e homes, na defensa dos traballadores públicos e da CRTVG”. 

Por último, cuestionados pola enquisas, desde a coalición amosaron a súa cautela e prudencia con respecto aos datos publicados, pero sen ocultar que tanto os datos internos como os que xa foron feitos públicos, amosan unha tendencia que apuntala o cambio político na Xunta. 

“Estes días estamos a preguntarlle a cidadanía se alguén lembra algunha acción de Goberno de Feijóo nos últimos dez anos. O que atopamos é unha foto de Feijóo cun directivo de Pemex, detido e encarcelado por corrupción e outra cun narcotraficante recoñecido como Marcial Dorado”, rematou Gómez-Reino.