Gómez Reino: “A clave da nosa sanidade pública está nos seus profesionais e debemos coidalos”

“Feijóo converteu o Servizo Galego de Saúde nunha ETT”

“O 13 de xullo comezaremos a reverter o inmenso dano causado por Feijóo á sanidade pública galega poñendo fin ás privatizacións nos coidados e precarización no emprego público”

Compostela, 8 de xuño.- O candidato á presidencia da Xunta e portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, anunciou hoxe a posta en marcha dun Plan de Recursos Humanos como unha das prioridades do futuro Goberno de progreso da Xunta para atallar a insoportable precarización laboral do Servizo Galego de Saúde.


“Núñez Feijóo transformou o Sergas nunha ETT. Unha gran empresa de traballo temporal que despreza ao seu persoal e afonda na precarización do emprego público con eventualidade nos contratos e incertezas que acaban por repercutir na calidade asistencial da nosa Sanidade pública. O 13 de xullo comezaremos a reverter o dano causado ao país neste decenio de Gobernos do PP, poñendo fin ás privatizacións dos servizos de coidados e á precarización do emprego público”

Gómez Reino e a candidata da coalición por Pontevedra, Eva Solla, mantiveron a primeira hora deste luns unha xuntanza con David Couceiro, na representación do colectivo de celadores e auxiliares de enfermaría. O colectivo estivo na primeira liña da emerxencia sanitaria, un enorme desafíao que tiveron que afrontar, tal e como trasladaron ás candidatas de Galicia en Común Anova Mareas, nas condicións de precaridade e a indefensión nas que os mantén o Sergas e a Xunta.

“O relato desa precariedade, de inestabilidade nos contratos, da falla de medios e das incertezas laborais que nos trasladaron hoxe tanto os celadores como auxiliares, se asemella moito ao escenario que debuxaba hai poucos días o persoal de enfermería do colectivo @eventuaisenloita”, expuxo Gómez Reino.

O voceiro da coalición sinalou que a crise da Covid-19 e a emerxencia sanitaria non poden servir de escusa ao Goberno de Feijóo para seguir afondando na precariedade laboral que vén arrastrando este colectivo nun decenio de recortes á sanidade pública.

“Prorróganlles en maio contratos que remataban en abril sen respectar as listas de contratación e vulnerando o principio de mérito, ao non distinguir nas puntuación ao persoal que estivo adscrito ás áreas mais críticas. Hai casos de persoas que traballaron nos días mais complexos, que chegaron a contaxiarse da Covid-19 e aos que non incorporaron posteriormente”, denunciou Eva Solla. “Debemos coidar a quen nos coida”, remarcou Gómez Reino.

O compromiso da coalición a partir do 13 de xullo, reiterou o candidato de Galicia en Común, pasa por reverter o dano causado polo PP de Núñez Feijóo á sanidade pública de Galicia e poñer en marcha, no futuro Goberno de progreso, un Plan de Recursos Humanos que dea estabilidade ao persoal sanitario e mellore a súas condicións de traballo e vida, implementando novas prazas cunha planificación racional e consensuada das Ofertas Públicas de Emprego, especialmente nas especialidades deficitarias.

Cómpre, concretou Gómez Reino, “estabilizar o emprego do persoal e facer unha radiografía nova das necesidades de cada servizo de cara a poder sacar novas prazas de enfermaría en varios exercicios. A clave da nosa sanidade pública está nos seus profesionais e debemos coidalos”.

Galicia en Común comprométese a actualizar as categorías profesionais e as funcións en enfermaría, persoal técnico e auxiliar de enfermaría , así como a recoñecer ás celadoras e como persoal sanitario. Coa vista posta na atención en todo o territorio, garantirase a equidade no acceso aos servizos sanitarios no rural, cunha carteira de servizos mínimos que lle dean a volta ás políticas da última década do Partido Popular.

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.

E nesta ligazón, podes ver o vídeo.