Gómez Reino: “A connivencia de Feijóo con Ence pon en risco a saúde das galegas’

Unidas Podemos insta ao Ministerio de Transición Ecolóxica a intervir axiña para determinar as responsabilidades dos verquidos tóxicos

“Fai meses que a Xunta tiña constancia das verteduras por mercurio e non tomaron medidas para protexer a poboación e aos traballadores da planta’, denuncia o deputado galego

Madrid, 15 de abril.– ‘A intricada connivencia da Xunta do PP de Feijóo con Ence está a pór en risco severo a saúde das galegas e dos galegos’.

Con esta contundencia, o deputado Antón Gómez Reino denunciaba hoxe no Congreso as verteduras tóxicas por mercurio á ría de Pontevedra e instaba ao Goberno a intervir con urxencia para esclarecer os feitos e determinar as responsabilidades por este grave episodio ambiental na ría de Pontevedra que tería efectos graves sobre a sáude de veciñas e traballadores.


O grupo confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común vén de rexistrar hoxe una iniciativa parlamentar para instar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a intervir de inmediato no esclarecemento dos feitos a fin de determinar as responsabilidades tanto da Xunta de Galicia como de Ence nos verquidos.


No escrito, instamos as Administracións a tomar medidas urxentes tanto para conter as verteduras tóxicas como para minimizar a súa afección sobre a ría de Pontevedra, logo de coñecer o acontecido a través da súa publicación en eldiario.es, con repercusión incertas sobre a saúde das veciñas e veciños, o propio cadro de persoal da factoría de Ence e sobre o ecosistema marino da ría e a calidade das súas augas a presente e futuro.


Segundo recolle a publicación, a concentración de mercurio das mostras era superior aos 20 mg/kg establecidos no Decreto 60/2009. Unha información da que a Xunta tería coñecemento hai máis de dous anos e que non foi posta en coñecemento público e non se adoptaron as medidas que procedían.


“Os verquidos tóxicos de ELNOSA son responsabilidade de ENCE”, sinala Gómez Reino. “Ence foi quen a deseñou e utilizou durante anos a súa actividade productiva. Feijóo, unha vez máis, antepón os intereses privados dunha empresa por riiba da protección ambiental e a saúde dos galegos e galegas”, lamentou o deputado galego.


Desde Unidas Podemos lembrar que Ence xa foi condenada por delitos ambientais e que as informacións sobre posibles irregularidades na empresa son tristemente recurrentes polo que agardamos que a Xunta actúe no exercizo das súas responsabilidades para evitar que teñamos que lamentarnos.

Asemade, queremos pór en valor o traballo arreo da sociedade civil, organizacións de veciños e colectivos ecoloxistas, que levan anos e anos denunciando o severo impacto ambiental da planta de ENCE na ría do Lérez. Unha denuncias reiteradas que os sucesivos gobernos do PP ignoraron e mesmo ocultaron amosando unha total complicidade cos desmáns de Ence na ría.