Gómez Reino: “A dereita busca un país pequeno, escuro e monolingüe. Gobernamos un Estado plural e diverso que preserva as súas linguas”

“Juan Carlos de Borbón é primeiro promotor da III República no Estado español. O seu regreso é inaprazable por decencia democrática»

“A impunidade dos Franco rematou e facemosllo saber. É tempo de que devolvan todo o roubado ao pobo galego”

Madrid, 17 de novembro 2020.- O deputado de Unidas Podemos e portavoz de Galicia en Cómun, Antón Gómez Reino, compareceu hoxe para valorar a actualidade política dunha xornada marcada hoxe pola petición dos Franco de pospoñer dous meses máis a entrega do Pazo de Meirás e pola urxencia democrática do «inaprazable regreso” do rei emérito, para respostar nos tribunais da orixe de «dunha fortuna amasada en paraísos fiscais e demais gastos fastuosos e ingresos sen declarar”.

“Juan Carlos de Borbón é, hoxe por hoxe, o primeiro promotor e o máis activo para acadar a III República no Estado español”, manifestou Gómez Reino. “O seu regreso é inaprazable. É unha cuestión fundamental de
decencia democrática. O que fora Xefe do Estado ten que respostar nos tribunais da cascada de informacións diarias de estranas doazóns, gastos fastuosos e cartos cuxa procedencia non se explica”, sinalou o deputado.

Gómez Reino tamén facía hoxe fincapé no “país pequeno, escuro e monolingüe que quere VOX”, en referencia á proposición non de lei que a extrema dereita leva esta tarde ao debate plenario na Cámara baixa. “Fanos perder tempo xa que o castelán xa goza de especial protección na Constitución”.

O voceiro de Galicia en Común preguntouse se “alguén pode crer que unha lingua que falan máis de 550 millóns de persoas no mundo precisa deste tipo de iniciativas” e sinalou o caso de Galicia “onde non existe ningún neno castelánfalante que saia da escola sendo galegofalante, pero si moitos galegofalantes que saen falando só en castelán”.

O deputado coruñes tamén se referiu hoxe á petición dos Franco de adiar dous meses a entrega do Pazo de Meirás, fixada pola Xustiza para o vindeiro 10 de decembro, co obxecto, -escusaron- de retirar os bens inmobles que se están a inventariar polo miúdo para acreditar a súa procedencia e titularidade, dubidosa nalgúns casos. Unha actitude que lamentou Gómez Reino ao sinalar que “é hora de que os Franco saiban que temos institucións democráticas e de que con este Goberno de coalición que conformamos rematou a impunidade co Réxime”.

A preguntas dos medios sobre os Presupuestos Generales del Estado 2021, Gómez Reino sinalou que “son máis sociais da historia e bos, non só para Galicia cunha media de investimento por habitante superior a media estatal (308 euros por cada galega) senón para o conxunto do Estado”. “Respostan a demandas históricas de Galicia e do noso grupo parlamentario como a mobilidade interior para vertebrar o territorio, a rexeneración das nosas rías e a rebaixa das peaxes na AP9, como primeiro paso para a transferencia da Autoestrada do Atlántico que debe ser pública e de balde”.

Ao tempo, o deputado galego reiteraba a súa sorpresa logo de que “ forzas galegas que se din progresistas teñan votado co bloque da dereita e da extrema dereita o pasado xoves co obxectivo de tumbar estes orzamentos cunha emenda a totalidade. Deberán explicar aos seus votantes por que non queren bonificacións na AP9, que se sanee a ría do Burgo ou que 11.000 galegos e galegas se beneficien das políticas de conciliación do Estado”.

Por último, Gómez Reino amosaba a súa preocupación polas novas que apuntan a unha nova fusión bancaria que concentra ‘aínda máis’ o sector e pon en xaque centos de oficinas e postos de traballo e se refería a severidade o que está a acontecer no Sáhara Occidental.

“Seguimos con moítisima preocupación a ruptura unilateral do alto o fogo por parte de Marrocos. Urxe unha reacción contundente da comunidade internacional que non pode ficar impasible para sentar a ambas partes nunha mesa e procurar unha saída desde o absoluto respecto aos dereitos humanos, e nesa liña estamos a traballar. Desde Galicia en Común todo o noso agarimo ao pobo saharaui, co que temos vínculos e unha débeda histórica”.

Por último, Gómez Reino saudou os resultados dos comicios locais en Brasil, moi negativos para o presidente Jair Bolsonaro, como “un paso máis na fotografía que avanza en América, logo de Arxentina, Bolivia e tamén nos Estados Unidos. «O pobo está a decir que o tempo das políticas do odio rematou. Que tomen nota a dereita extrema e a extrema dereita neste Estado”, concluíu.

Podes ver a rolda de prensa de Gómez Reino no Congreso nesta ligazón.