Gómez Reino: “A Galicia que queremos construír é a Galicia que se activou hoxe nas rúas para coidarse e coidar dos demais”

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas destaca o exemplo cívico e de responsabilidade social da cidadanía galega no primeiro día de flexibilización das medidas de confinamento

Compostela, 2 de maio.- O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, celebrou hoxe “o exercicio cívico de responsabilidade social” da cidadanía galega no primeiro día de flexibilización das medidas de confinamento para os adultos e subliñou que ese comportamento é un exemplo de como enfrontar á crise derivada da emerxencia sanitaria.

“Somos moitos as galegas e galegos que aproveitamos hoxe á mañá para activarnos, para camiñar, facer exercicio e coidarnos. Esa é a Galicia que queremos construír, a Galicia que se activou hoxe nas rúas para coidarse e coidar dos demais “, dixo.

“Demandamos un Goberno galego que estea a altura da sociedade. O señor Feijóo adicou hoxe a practica totalidade da súa comparecencia a golpear a outras Administración. Cómpre, unha vez mais, reiterarlle a nosa petición: o Goberno da Xunta ten que colaborar e cooperar con outras Administracións. Os datos salvan vidas e a prioridade é ser salvar vidas”, recalcou Gómez Reino.

“Non pode ser que o señor Feijóo pretenda que as medidas da desescalada estean supeditadas a intereses electorais. Semella que a única desescalada que lle preocupa ao presidente da Xunta é a súa escalada electoral”, manifestou o voceiro de Galicia en Común.

“Seguimos agardando unha resposta a proposta conxunta de funcionamento da Deputación Permanente”, subliñou.

“Precisamos dun Goberno que exerza, que aprobe medidas. ¿Alguén pode dicir unha soa medida da Xunta de Feijóo que nos axude a saír como país adiante e xuntas desta crise? ¿Unha soa medida que favoreza aos traballadores, aos autónomos, as estudantes? É difícil cando non imposible atopalas”, inquiriu Gómez Reino.

Desde Galicia en Común-Anova Mareas toca amosar a nosa fonda preocupación polas declaracións do señor Feijóo nas que desliza a posibilidade de aprazar ao 2021 o proceso electoral. “Non toca falar de eleccións. Toca salvar vidas pero Feijóo non pode frivolizar de forma tan absolutamente irresponsable cun procedemento democrático”, sinalou o voceiro da coalición.

“O que lle pedimos desde Galicia en Común- Anova Mareas é madurez democrática, contención e responsabilidade. Non se pode saír a falar dun hipotético aprazamento mais aló dos marcos normativos establecidos a non ser que un queira suxerir que as elección teñen que ser cando un quere, ou a non ser que se estea a suxerir que se incumpran os procedementos democráticos nunha situación como esta”.

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.

Nesta ligazón podes ver a rolda de prensa completa na nosa canle.