Gómez Reino: “A lección de dignidade da sociedade galega en Verín marca o camiño para unha alternativa de esquerdas”

Fican sete días de traballo e de tender pontes para desterrar ao pasado a un Goberno irresponsable que antepuxo as siglas a saúde pública”, proclamou o candidato á Presidencia de Galicia en Común 

Martiño Noriega pregúntalle a Feijóo qué medidas vai activar para coidar da saúde pública e dos dereitos democráticos da veciñanza da Mariña lucense 

A Coruña, 4 de xullo.- O candidato de Galicia en Común á Presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, referiuse hoxe “a inmensa lección de dignidade que está a dar a sociedade galega ante un Goberno corrupto e irresponsable. A veciñanza de Verín onte nas rúas, as galegas e os galegos, nos marcan claramente o camiño para abrir unha alternativa de esquerdas que transforme o país e non poña en risco as persoas”.

Gómez Reino referíase así a visita que onte realizaba o candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, a Verín, onde a veciñanza boteouse a rúa e afeoulles aos populares anos e anos de privatizacións e recortes e mesmo o intento fracasado de pechar o paridoiro, no que a Xunta tivo que recuar pola intensa mobilización social.

“As veciñas de Verín nos marcan o camiño para a Galicia que ven, como antes fixemos con Nunca Mais, e con tantas outras loitas de colectivos que se opuxeron a sementar o país de minas e de parques eólicos que masacran os nosos recursos naturais pero alimentan as súas portas xiratorias”, apuntou este sábado o candidato de Galicia en Común.

“Unha vez mais, a sociedade galega se levanta contra Feijóo e o Goberno dos recortes, as privatizacións, as estafas industriais, as cacicadas e corrupcións. As galegas e os galegos nos marcan o camiño e fica unha semana de intenso traballo: sete días de campaña por diante no que poremos toda a vontade e o máximo esforzo en tender a man a BNG e PSdeG para facer realidade unha alternativa que sume os votos necesarios para desterrar ao decenio negro do PP na Xunta”, declarou Gómez Reino.

“Un Goberno absolutamente irresponsabl como o de Feijóo, -engadía o candidato e portavoz da coalición- que antepuxo a estratexia, a ambición e as siglas do PP por riba das garantías sanitarias e democráticas que sempre demandamos para marcar unhas eleccións á carta o 12 de xullo; uns comicios fixados unilateralmente sen consenso, unhas eleccións nun contexto de pandemia que nós non quixemos e que agora se esforza, unha vez mais, por ocultar e tapar baixa a manta da propaganda obviando os riscos e a realidade dun rebrote da Covid19 na Mariña de Lugo”

“Terá que responder ante os galegos e as galegas pola súa imprudencia e a súa irresponsabilidade”, sinalou Gómez Reino.

Pola súa banda, Martiño Noriega, instaba a Feijóo a actuar con urxencia e responsabilidade ante o preocupante rebrote da Mariña, que levou a esta coalición a suspender xa o pasado xoves, todos os actos previstos na comarca.

¿Qué medidas de saúde pública ten preparadas na Mariña de Lugo e como vai a garantir os dereitos democráticos dos seus veciños o 12 de xullo?”, preguntaballe Noriega ao candidato popular. “A censura non entende de saúde pública, señor Feijóo”, rematou.

Aquí está o audio de Gómez Reino.

aquí podes ver o vídeo coa intervención.