Gómez Reino: ‘A Lei de Cambio Climático é un primeiro paso para responder xa á emerxencia climática que vivimos’

É o primeiro texto normativo do Estado para confrontar e minimizar os danos ao noso planeta e os seus efectos

As achegas feitas de Galicia en Común introducen obxectivos máis ambiciosos na redución de emisións para camiñar cara unha enerxía 100% renovable no 2050

Santiago, 9 de abril.- “A Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética é un primeiro paso para responder desde xa mesmo á emerxencia climática que vivimos”. Así o reiteraba hoxe o deputado de Unidas Podemos e voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, tras a aprobación no Congreso dos Deputados do primeiro texto normativo do Estado para afrontar e confrontar o cambio climático e tratar de minimizar os seus efectos e consecuencias.

“‘Tras deste primeiro paso toca seguir avanzando no cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030, sinala o deputado galego. “Temos o desafío colectivo de loitar contra a emerxencia climática con medidas determinadas e eficaces cara a inaprazable transición verde. A transición ecolóxica será un piar fundamental na reconstrución do noso país para sentar as bases do futuro, particularmente logo dunha pandemia como a que estamos a soportar”.

Aínda que con anos de retraso e coa previsible oposición da extrema dereita, a aprobación da Lei de Cambio Climático supón que camiñamos cara un planeta libre de combustibles fósiles con reducións progresivas ate 2030 e co obxectivo de transitar cara enerxías 100% renovables no 2050, con respecto á biodiversidade, poñendo fin a minería do uranio e apostando en firme polas zonas de baixas emisións e a rehabilitación enerxética dos edificios para fomentar o aforro e o consumo responsable.

Sinalar que as achegas feitas desde Galicia en Común á nova Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, no marco do grupo confederal, son froito dun traballo minucioso e de meses con distintos colectivos ambientalistas galegos e traducíronse en melloras substancias do texto normativo na súa versión final.

Cales? Introducimos obxectivos máis ambiciosos para camiñar con decisión cara a necesaria transición verde e xusta e urximos á redución das porcentaxes de emisións contaminantes e dar pulo á mobilidade sustentable como alternativa aos combustibles fósiles.


As emendas introducidas por Unidas Podemos na Lei implicaron un incremento das porcentaxes que forzan a redución das emisións contaminantes á atmosfera, que no caso dos gases de efecto invernadoiro elévanse do 20 ao 23%; incorporar unha porcentaxe de enerxía renovable no consumo final -pasa do 35 ao 42%- ; así como establecer a prohibición da investigación e aproveitamento de minerais radioactivos como el uranio, arquivando calquera trámite relacionado coa súa instalación que estivera en marcha.

Forzamos a inclusión de novas obrigas das Administracións Públicas na loita contra o cambio climático, como a promoción da mobilidade sostible, a mellora da capacidade dos sumidoiros de carbono e a protección dos ecosistemas naturais coa obriga de actualizar os catálogos e atlas cada cinco anos cunha análise específica.

Ademais, as nosas propostas xa incorporadas ao corpo normativo da nova Lei, instan ás Administracións Públicas a incluír nos contratos cláusulas que primen os alimentos frescos e de tempada con ciclos curtos de distribución e a necesidade de que a loita contra á emerxencia climática sexa un principio clave da cooperación de España con outros Estados.