Gómez Reino: «A partir do 13 de xullo faremos que as escolas infantís de 0 a 3 anos sexan públicas e gratuítas»

Galicia en Común-Anova Mareas aumentará o investimento en educación ata situalo no 7% do PIB

«O modelo educativo que implementou o PP nos once últimos anos baseouse na privatización, nos recortes e na desgaleguización

Compostela, 2 de xullo de 2020. O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, acudiu hoxe ás portas da escola infantil de San Roque, pertencente á rede “Galiña Azul” para dar conta dalgunhas das medidas da coalición en materia educativa de cara ao 12 de xullo

Antón Gómez Reino sinalou que “o noso modelo é completamente oposto ao que o PP de Feijóo impulsou nos últimos once anos nos que quixo desmantelar a educación pública, privatizala e desgaleguizala aumentando o financiamento dos centros privados”. 

Dende Galicia en Común-Anova Mareas proponse “a gratuidade do ensino como garante da igualdade de oportunidades”, incluíndo as escolas infantís de 0 a 3 anos no sistema educativo para facelas públicas e gratuítas de xeito progresivo, “non só para o segundo fillo ou filla senón para todas”. Entre outras medidas inclúese a “gratuidade dos libros de texto, dos comedores escolares de provisión directa e un sistema de bolsas e axudas adaptado á realidade no país e que opere como un verdadeiro mecanismo de compensación social”.

O candidato anunciou que “hai que voltar a 21 horas en primaria e a 18 en secundaria, que o PP elevou a 25 e 20 respectivamente” aumentando ao 7% do PIB o investimento en educación. “Con respecto a 2009 recortáronse polo PP do señor Feijóo 294 millóns de euros”. Antón Gómez Reino preguntoulle a Feijóo “cando ten pensado abrir escolas infantís que permitirían mellorar a conciliación” e engadiu que “as políticas que o PP disfraza de medidas de conciliación baseánse nun modelo familiarista e natalista onde seguen a ser as mulleres as que asumen a maior parte dese peso”.

Aquí podes escoitar o audio

Nesta ligazón tes o vídeo