Gómez Reino: ‘A sentenza que anula o ERE de Alcoa é unha vitoria de traballadores e sindicatos e pon fin a chantaxe da multinacional’

O deputado galego quixo felicitar ao cadro de persoal e aos sindicatos que loitaron nas rúas, ante as institucións  e nos tribunais polo futuro da Mariña 

“Cómpre unha intervención pública e coordinada entre Administración para garantir emprego e futuro en San Cibrao e tamén na Coruña”

A Coruña, 17 de decembro.-  O deputado de Unidas Podemos e portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, celebrou o fallo do Tribunal de Superior de Xustiza de Galicia que declara a nulidade do ERE co que a multinacional norteamericana do aluminio pretendía aniquilar de facto a toda a comarca da Mariña co peche da única planta galega en San Cibrao e do despido de 524 persoas. 

“O primeiro que toca é parabenizar aos traballadores de Alcoa en Lugo, e a representación sindical,  por unha gran vitoria colectiva para A Mariña pero compartida por todas as galegas e  que é froito dunha loita exemplar nas rúas, ante as institucións e tamén nos tribunais sen darse por vencidos fronte a mala fé que quedou probada pola parte dunha multinacional tramposa que encheou os petos de subvencións públicas”. 

Gómez Reino falaba así logo de coñecer a recente decisión da sala do Social do TSXG de declarar a nulidade do ERE a 524 traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao ‘ao apreciar a mala fé da empresa no proceso negociador”. “Sen dúbida, é unha boísima nova que a xustiza avale a loita do cadro de persoal de Alcoa e dos sindicatos fronte a unha inmensa inxustiza e sinala, ademais, cal debe ser o camiño. A unidade, o exemplo e a implicación amosada na Mariña marcan o paso”. 

O deputado galego reiterou que ,toda vez que a Xustiza se pronunciou con moita contundencia  en contra do  o despedimento dos traballadores e da parada das cubas, e o Consello de Ministros deste Goberno de coalición ven de dar luz verde ao estatuto electrointensivo,  urxe unha intervención pública, conxunta e coordinada entre Administracións para trazar un plan industrial que garanta emprego e futuro para Alcoa na Mariña pero, tamén, para ALU Ibérica na Coruña. 

“Nunca máis o futuro estratéxico da industria do país en mans dunha multinacional norteamericana. Nunca máis, riadas de cartos públicos sen control para empresas foráneas sen compromiso con emprego e con Galicia. Cómpre unha intervención sobre unhas liñas claras que marque o camiño do que ten que ser o futuro da industria galega”.