Gómez Reino: «A Xunta debe obrigar a Naturgy a manter o servizo de avarías na Coruña ou repensar se merece seguir recibindo axudas públicas»

O deputado galego de Unidas Podemos tamén interpelará a Industria para coñecer se a empresa cumpriu os requisitos para o traslado deste servizo

A Coruña, 2 de marzo de 2021.- O deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, recibiu esta mañá na Coruña ao Comité de Empresa de Naturgy, que leva varias semanas manifestándose en contra do traslado do centro de xestión de avarías dende A Grela a Madrid, coa conseguinte perda de postos de traballo na provincia.

En total serían 27 as familias que se verían obrigadas a trasladarse a Madrid, pero o impacto no eido laboral iría moito máis alá, perdéndose postos de traballo vinculados ao mantemento da instalación ou a vixilancia 24 horas. «A Xunta debe obrigar a Naturgy a manter o servizo de avarías na Coruña», indicou Gómez Reino, «e senón a administración autonómica debería repensar se a multinacional merece seguir recibindo axudas públicas».

Antón Gómez Reino amosou o seu apoio ao Comité de Empresa, que este xoves 4 de marzo volverá saír ás rúas para evitar un «novo desplante aos galegos e galegas por parte de Naturgy, que xa en 2019 deslocalizou o servizo de atención telefónica que prestaba dende Ourense e en galego», lembrou.

O deputado de Unidas Podemos tamén interpelará ao Ministerio de Industria, vía iniciativa parlamentaria, para coñecer se a empresa cumpriu os requisitos exixidos para levar a cabo un traslado como o que quere facer co servizo de avarías. «Ao tratarse dun centro crítico», indicou, «debe estar vixiado polo Ministerio de Industria que debe comprobar o cumprimento destes requisitos».

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino ao respecto.