GÓMEZ REINO ACUSA A ALCOA DE BOICOTEAR A PLANTA GALEGA E ANIMA A EMPREGAR TODOS OS MECANISMOS PARA INTERVIR A FÁBRICA

A multinacional está en rebeldía e hai que despregar todos os mecanismos do Estado para garantir un sector estratéxico”

Galicia en Común reitera o apoio aos traballadores e empraza á Autoridade Laboral dependente da Xunta a que rexeite os despedimentos

Madrid, 29 de setembro.- O deputado e voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, acusou hoxe á multinacional Alcoa de estar a boicotear calquera tentativa de solucionar o problema da súa fábrica galega e animou a empregar “todos os mecanismos do Estado” para intervir a planta de Lugo e garantir os empregos e o futuro da comarca da Mariña.

“A multinacional declarouse en rebeldía e hai que utilizar todos os mecanismos do Estado para solventar esa situación e garantir os empregos; a partir de aí, ver cal é a mellor opción para viabilizar a planta de aluminio nun momento de transición enerxética. Tanto Industria como Facenda xa puxeron esa posibilidade sobre a mesa, a través da SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais), para comprar a fábrica”, sinalou Gómez Reino.

“A Autoridade Laboral, que neste caso dependería da Xunta de Galicia, debe impedir os despedimentos. Como repiten os traballadores de Alcoa en Lugo, nunha mobilización exemplar, hai que impedir que as cubas se paren”, remarcou o deputado galego, que defendeu a necesaria participación do Estado en sectores chave como este, tal e como quedou de relevo na estratexia europea.

“Existe un consenso total entre traballadores, sindicatos, Goberno central e mesmo a Xunta en sinalar a mala fé deliberada coa que vén actuando Alcoa en todo este proceso. O problema fundamental é que hai unha multinacional que quere pechar a fábrica e que boicotea calquera tentativa de solución”, reiterou o deputado.

Gómez Reino mostrou o completo respaldo de Galicia en Común e Unidas Podemos a unha mobilización que está a ser exemplar como a que están a desenvolver os e as traballadoras de Alcoa en San Cibrao en loita e defensa dos seus empregos e do futuro de toda unha comarca que achega o 30% ao PIB da provincia de Lugo.

O portavoz de Galicia en Común iniciou a súa intervención na sala de prensa do Congreso saudando o novo acordo entre o Goberno de coalición, desde o ministerio de Traballo que encabeza Yolanda Díaz coa patronal e os sindicatos que prorroga os Ertes ata o 31 de xaneiro para ampliar a protección do escudo social contra a pandemia do Covid.

“É o sexto gran acordo de diálogo social que pecha o Goberno. Dicir que sentimos, desde o noso espazo, moito orgullo e sobre todo un enorme alivio. Tras anos e anos de precarización, temos, ao fin, unha ministra de Traballo que defende ás traballadoras e ao conxunto do tecido produtivo cunha nova prórroga que salva a economía de moitas familias e miles de postos de traballo”.

Gómez Reino tamén se refería á recente sentenza sobre o caso Bankia como exemplo “do afán do PP en bloquear a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial”, caducado hai dous anos, no que referiu como “anomalía democrática severa”, concluíu.

Aquí podes escoitar a intervención completa de Gómez Reino.