Gómez Reino: “Agora é o momento de salvar as vidas de quen vive e traballa nas residencias de maiores, pero cando isto remate, Feijóo terá que asumir a responsabilidade da súa inacción”

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas reuniuse coa voceira da asociación de familias de usuarios REDE, María Rodríguez, a quen transmitiu o apoio da coalición ás súas demandas


Gómez Reino lembra que GeC-AM leva semanas reclamando a intervención dos centros de maiores, e que o 80% das prazas que existen no país están baixo xestión privada de empresas que “fan negocio coa vida, a saúde e o benestar das nosas maiores

Madrid, 21 de abril do 2020.- O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reuniuse esta mañá con María Rodríguez, membro da Federación Galega de Asociacións de Familiares e Familiares de Usuarios de Residencias REDE, para avaliar a situación nos centros de maiores da comunidade e a inacción da Xunta fronte á escaseza de medios materiais e humanos que padecen, que está a lastrar a loita contra a epidemia de Covid-19 en Galicia.


Gómez Reino mostrou a súa solidariedade cos usuarios de residencias e o apoio total da coalición ás súas demandas, e lembrou que xa hai denuncias na Fiscalía contra máis de cincuenta residencias galegas, que inclúen acusacións contra altos cargos da Xunta, incluído o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, e contra directivos dos centros e das empresas e institucións que as xestionan, especialmente DomusVi e Fundación San Rosendo.


“É intolerable que a Xunta siga sen facer nada e que o único recurso das familias para impedir a grave situación á que están sometidos os usuarios sexa acudir aos tribunais, que só poderán actuar cando seguramente xa sexa demasiado tarde. Agora é o momento de salvar as vidas de quen vive e traballa nas residencias de maiores, pero, cando isto remate, a Xunta terá que asumir a responsabilidade da súa inacción”.


O portavoz de Galicia en Común Anova Mareas lembrou que case a metade (o 44,17%) das vítimas mortais por Covid-19 en Galicia producíronse entre usuarios desas residencias, que suman ademais o 22% dos infectados detectados no país (1.379 persoas entre usuarios e persoal).


En Galicia hai 321 residencias de maiores, e o 80% das aproximadamente 200.000 prazas que existen son de xestión privada. No seu último informe de Fiscalización do Gasto en Atención Residencial a Persoas Maiores e Dependentes, publicado no ano 2018, o Consello de Contas de Galicia detectou numerosas irregularidades e deficiencias, sen que o Goberno galego teña feito nada por resolvelas.

Feijóo mesmo chegou a negar a semana pasada que coñecera a existencia dese informe, que foi enviado ao Parlamento de Galicia hai dous anos.


“Levamos semanas esixindo a Feijóo que interveña as residencias e as medicalice, pero parece que ao presidente da Xunta só lle interesa tapar o asunto con propaganda destinada a manter un modelo baseado nos recortes e as privatizacións, que permite a unhas cantas empresas facer negocio coa vida, a saúde e o benestar dos nosos maiores”.

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino logo da xuntanza telemática con María Rodríguez, coa representante da Federación Galega de Usuarios e Familias de Residencias.