Gómez Reino: «Alcoa é un problema de país. Se cae Alcoa, cae unha peza fundamental da industria galega co silencio cómplice de Feijóo»

«Se isto sucedera con Inditex na Coruña, Citröen en Pontevedra, ou Coren en Ourense o señor Feijoo non estaría tan calado», afirmou 

Burela, 22 de xuño.- O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, participaba a última hora deste luns na gran mobilización convocada na defensa do emprego en Alcoa San Cibrao e do futuro da Mariña xunto ao cabeza de lista pola provincia de Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello. 

«Estamos hoxe de novo aquí para amosar o noso total e absoluto respaldo aos traballadores de Alcoa, a súa rede de empresas auxiliares e loitando xuntas polo futuro de toda unha comarca fundamental para o país como A Mariña de Lugo», manifestou o portavoz da coalición ao inicio da marcha. 

«Hai que poñer enriba da mesa que este é un problema de país. Se cae Alcoa, cae unha peza fundamental do país e da industria galega. Temos moi claro quen é o gran ausente deste conflicto durante os últimosanos e semanas: ese é o presidente Núñez Feijóo, con competencias exclusivas en Industria», reiterou Gómez Reino. 

«Se isto sucedera con Inditex na Coruña, Citröen en Pontevedra ou Coren en Ourense, o señor Feijóo non estaría tan calado», afirmou.

«A solución virá cun goberno progresista na Xunta. Se son presidente da Xunta, convocarei a oposicion e falarei canto sexa preciso coa ministra de Industria para dar unha solución conxunta a comarca da Mariña que implique a todas as Administracións Públicas», comprometeu o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas. 

«Se o señor Feijóo non sabe ou non lle deixan, que se faga a un lado», concluíu.

Aquí está o audio do candidato Gómez Reino.