Antón Gómez Reino e Eva Solla mantiveron unha xuntanza telemática con dúas integrantes da plataforma “Enfermeiras Eventuais en Loita” que denunciaron un 40% de eventualidade nos seus postos de traballo
“A clave da nosa sanidade pública está nos seus profesionais e debemos coidalos”
Compostela, 26 de maio de 2020.- O voceiro e candidato á presidencia da Xunta de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, e a cabeza de lista por Pontevedra, Eva Solla, reuníronse esta mañá co colectivo “Enfermeiras Eventuais en Loita”, que levan anos reclamando unha mellora das condicións laborais que repercutirían tamén nun mellor servizo para os doentes.
Dende a plataforma denuncian que Galicia é a terceira comunidade autónoma co peor ratio de enfermeira/o por doente con unicamente 5 por cada 1.000, acusando ademais á Xunta de Galicia de “falta de transparencia” en relación aos postos de traballo e ás necesidades de cada servizo.
Os candidatos comprometéronse a “estabilizar o emprego do persoal e a facer unha radiografía nova das necesidades de cada servizo de cara a poder sacar novas prazas de enfermaría en varios exercicios. A clave da nosa sanidade pública está nos seus profesionais e debemos coidalos”.
Galicia en Común-Anova Mareas aposta pola aprobación dun Plan de Recursos Humanos que dea estabilidade ao persoal sanitario co obxecto de mellorar as súas condicións laborais, non só con novas prazas senón tamén cunha planificación das Ofertas Públicas de Emprego, especialmente nas especialidades deficitarias.
A nivel laboral actualizaranse as categorías profesionais e as funcións en enfermaría, persoal técnico e auxiliar de enfermaría e o recoñecemento das celadoras e celadores como persoal sanitario. Coa vista posta na atención en todo o territorio, garantirase a equidade no acceso aos servizos sanitarios no rural, cunha carteira de servizos mínimos que lle dean a volta ás políticas da última década do Partido Popular.
En relación coa crise da Covid19 denunciaron “improvisación” e trasladaron o “cansazo do persoal pola mala xestión da crise, a ausencia de test aos traballadores por facer o estudo epidemiolóxico” así como o feito de que “moitos dos nosos compañeiros traballaron con doentes covid un día e con outros ao día seguinte” co risco de contaxio que iso supón.
Nesa liña lembraron que coa crise sanitaria viron cernados os poucos dereitos que lles quedan, pola Instrución 4/2020.
Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.
E nesta ligazón esta o vídeo na nosa canle.