- O deputado de Unidas Podemos reunirase nas vindeiras semanas co Secretario Xeral de Infraestructuras para trasladarlle a investigación feita polo Grupo Parlamentario en relación á ampliación da concesión da AP9
A Coruña, 5 de marzo de 2021.- O deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, mantivo esta semana xuntanzas con diversas entidades sociais galegas para recoller as súas achegas en relación á iniciativa de Unidas Podemos para recuperar a AP9 no ano 2023. A rolda de contactos continuará a vindeira semana con Fegatrans.
Gómez Reino reuniuse este mércores con FEAGA, a Federación de Autónomos de Galicia, e este venres con FETRAM, a Federación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada e con ATA, Asociación de Traballadores Autónomos de Galicia, que amosaron o seu interese e o seu apoio ao traballo xurídico feito polo Grupo Parlamentario. «Autónomos e transportistas coinciden», sinalou Gómez Reino «en que se a prórroga da AP9 de Aznar non se axusta a dereito, a infraestrutura ten que recuperarse para o público».
Autónomos e transportistas coinciden ademais en que o prezo da autoestrada lastra a competitividade das empresas galegas, ao ter que asumir un custo maior consecuencia do pago das peaxes. Nese sentido, Gómez Reino explicoulles que «a nosa investigación xurídica dos diversos Reales Decretos que ampliaron a concesión da AP9 evidenciou que a última prórroga, a realizada no ano 2000 por Aznar, non se fixo sobre a infraestrutura xa construída entre Fene e Tui senón a cambio da construcción dun novo tramo entre Fene e Ferrol, sen que esa obra fora a concurso».
O deputado considera que «de decaer o decreto, poderíase recuperar a AP9 no 2023 e Galicia deixaría de ser a anomalía do Estado en relación ás autoestradas, xa que a tendencia é que nos vindeiros anos vaian rematando as concesións». Finalmente, Gómez Reino tamén lles informou sobre a xuntanza que manterá nas vindeiras semanas co Secretario Xeral de Infraestruturas, co obxectivo de expoñerlle esta investigación para que o Ministerio de Transportes revise a ampliación da concesión.