Galicia en Común celebra o proxecto para os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2023 ao consideralos unha partida de “xustiza social” que reforza o estado de benestar e que mantén o seu compromiso con Galicia.
O deputado de Galicia en Común e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, defendeu que estes orzamentos son un éxito nun momento difícil para a economía das familias: “Por fin pagarán os que máis teñen. Este proxecto dos PGE para 2023 amplían dereitos sociais, feministas e laborais, e estamos moi contentas porque seguen a senda da protección dos máis vulnerables, alcanzando un acordo fiscal que deixa a pegada de Unidas Podemos no Goberno de coalición”.
O gasto social sufriu un incremento do 35,4% desde 2018 -os últimos do Partido Popular- ata 2023. A cifra actual incluída nestes PGE para Galicia alcanza os 1.077 millóns de euros, o que supón un incremento do 16,3% sobre os investimentos expostos en Galicia nos PGE de 2018. É un 8,1% do investimento rexionalizado total en España, máis do que correspondería a Galicia por poboación (5,7%) ou por PIB (5,2%).
Desta maneira asígnanse 400 euros por galego, moi por enriba da media que é de 284 euros por habitante. ADIF destinará un investimento de 276 millóns de euros e 141,11 millóns para ADIF-Alta Velocidade. O Ministerio para a Transición Ecolóxica destina 50,34 millóns de euros, dos cales 16 millóns son para actuacións de rexeneración da ría do Burgo e 15,94 millóns son para o programa de Calidade da auga.
Gómez Reino, presidente da Comisión de Traballo, explicou que este proxecto de orzamentos “combaten con forza a subida da inflación porque protexen aos traballadores, familias e colectivos máis vulnerables”. A partida destinada a pensións increméntase un 11,4%, prodúcese a revalorización das pensións conforme ao IPC en torno ao 8,5%, o que en Galicia beneficiará a máis de 814.000 persoas.
A mellora salarial para os empregados públicos de ata un 3,5% en 2023, incluíndo a subida do 1,5% para 2022, beneficiará a máis de 152.000 empregados e empregadas públicas galegas. “Esta subida permitirá devolver dereitos aos traballadores que sufriron polos recortes do Partido Popular. Buscamos que estas medidas sexan estruturais e que veñan para quedar”, continúa Gómez Reino.
A prórroga ás axudas do transporte, o bono social térmico, o bono de alugueiro mocidade e o aumento do gasto educativo para bolsas son grandes claves destes orzamentos que teñen repercusión no día a día da xente. O gasto sanitario aumenta un 6,7% e isto beneficiará a máis de 2,691 millóns de persoas en Galicia. “É unha boa noticia que se incremente a partida en sanidade porque é un dos ámbitos máis castigados polas nefastas políticas do PP, que están máis preocupados por facer campaña a Feijóo que por equipar aos hospitais de camas e ambulancias. Hai un compromiso do Goberno de coalición con Galicia. Unidas Podemos está defendo a Galicia desde o Goberno e seguiremos traballando para que isto sexa así”, sostén o deputado.