Gómez Reino celebra que o Consello de Ministras coa presenza de Galicia en Común dea luz verde á Variante Norte de Ourense

“Estas obras axudarán a vertebrar Galicia e mellorarán a funcionalidade dos concellos lindeiros” 

“A Variante Norte de Ourense era unha cuestión pendente, unha reivindicación na que levamos moito tempo traballando incluíndo propostas a través dos orzamentos xerais do Estado”

O Consello de Ministras aprobou hoxe a licitación das obras do tramo Eirasvedras-Quintela da Variante Norte de Ourense, unha medida que o deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, considerou “un eixo fundamental para as conexións das infraestruturas galegas”.

 “A Variante Norte de Ourense era unha cuestión pendente en Galicia, unha reivindicación na que levamos moito tempo traballando incluíndo propostas a través dos orzamentos xerais do Estado. Celebramos a vontade política do Goberno de consolidar unhas infraestruturas eficientes no noso país, que xa demostrou coa aprobación das bonificacións da AP-9 e agora cunhas obras que axudarán a vertebrar Galicia e mellorarán a funcionalidade dos concellos lindeiros”, sostivo o deputado. 

O primeiro tramo consta de 1,7 quilómetros de lonxitude e integrarase na futura autovía A-56 entre Ourense e Lugo, ten a súa orixe na contorna da actual ligazón de Eirasvedras na Autovía das Rías Baixas (A-52).

O tramo inclúe, como obras singulares, un viaduto sobre a N-120 e a liña ferroviaria Monforte de Lemos-Vigo (Viaduto da Quintela), unha nova ponte sobre o Río do Porto e dous pasos inferiores, un baixo o tronco e outro baixo un dos ramais da ligazón de Quintela, que permitirá o cruzamento deste ramal sobre o ferrocarril Monforte de Lemos-Vigo.