As candidatas de Galicia en Común- Anova Mareas reúnense en Pontevedra cos representantes dos traballadores do hospital Montecelo, onde o Goberno de Feijóo planea novas externalizacións que poñen en perigo os seus postos de traballo e a calidade dos servizos que reciben pacientes e familias
Pontevedra, 18 de xuño do 2020.- O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, comprometeuse hoxe en Pontevedra a frear “o proceso de privatización e depauperación do sistema sanitario que teñen desenvolto os Gobernos de Feijóo” e a poñer todos os recursos financeiros da Administración autonómica «ao servizo dunha sanidade pública de calidade”.
“O Goberno de progreso que impulsaremos a partir do 12 de xullo acabará coa precariedade laboral que padecen os profesionais sanitarios e os traballadores dos hospitais, e devolverá á xestión pública os servizos privatizados polo Partido Popular”, afirmou.
Gómez Reino reuniuse en Pontevedra con representantes sindicais da Comisión de Centro de Atención Hospitalaria do hospital Montecelo, nun encontro ao que tamén asistiron a cabeza de lista de Galicia en Común por Pontevedra, Eva Solla, e a número dous da candidatura, Iria Figueroa.
O persoal do Montecelo alertou da intención da Xunta de privatizar os servizos de mantemento, lavandería e cociña do centro, co consecuente risco para os empregos de quen traballa neles e, tamén, para a calidade do servizo que se presta a pacientes, familiares e traballadoras.
“A emerxencia sanitaria demostrou que non se pode facer negocio coa saúde dos cidadáns e que necesitamos un sanidade pública sólida e forte”, dixo Gómez Reino, quen insistiu no seu compromiso de “reverter as privatizacións que, como no Montecelo, a Xunta seguirá executando se Feijóo segue no poder catro anos máis”.
Pola súa banda, Eva Solla advertiu de que a “irresponsabilidade” coa que o candidato do PP actuou en materia sanitaria nos últimos once anos, e que levou á sanidade pública de Galicia “a unha situación límite”, ten no Montecelo “o exemplo máis dramático”.
“Os recortes e as privatizacións puxeron en perigo a saúde de miles de galegas. Nós daremos marcha atrás a ese proceso e mobilizaremos todos os recursos necesarios para reconstruír a sanidade pública de Galicia”, dixo.
Na súa intervención, Iria Figueroa lembrou que esa irresponsabilidade mesmo levou ao Servizo Galego de Saúde a pechar a Unidade de Coidados Intensivos do Montecelo en plena emerxencia sanitaria.
“Non consentiremos que a irresponsabilidade de Feijóo siga deteriorando o noso sistema de saúde”, concluíu.
Aquí podes escoitar e descargar o audio de Gómez Reino.