Gómez Reino comunícase por carta con Teleperformance e con Naturgy para evitar o traslado do servizo a Colombia

O deputado pediu unha reunión a Teleperformance para pedir que se manteñan os postos de traballo na Coruña

O deputado de Unidas Podemos e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, pediu por carta a Teleperformance e Naturgy que freen a deslocalización do servizo de atención telefónica asentado na Coruña que suporá a perda de 140 postos de traballo. 

As misivas van dirixidas ao presidente e conselleiro delegado de Naturgy, Francisco Reynés Massanet, e ao CEO de Teleperformance, Fernando González-Mesóns, ao que Gómez Reino solicitou unha reunión para abordar persoalmente esta problemática. 

O deputado explica nas cartas o impacto negativo que suporá a deslocalización do servizo tanto no emprego como para os clientes, cunha “perda de calidade na atención e o previsible aumento dos tempos de espera, e por outro, polo feito de que os datos persoais e a facturación se atopen nun país carente da estrita e necesaria regulación que existe na Unión Europea”.

Neste sentido o portavoz de Galicia en Común sinala o “difícil” que sería ofrecer atención telefónica en galego que pode significar “esperas interminables”, xa que o equipo tería que atender a unha vintena de comunidades; repara tamén en que os futuros teleoperadores deberían contar cun alto coñecemento da xeografía galega, caracterizada por uns elevados núcleos de poboación e dispersión territorial.

“Estamos a falar dun servizo sensible cunha casuística moi diversa que se non se resolve de maneira áxil pode supoñer mesmo lesións persoais”, sostén o deputado, e pide a ambos executivos: “Quero solicitar o seu apoio para frear esta iniciativa e conservar tanto os postos de traballo como a debida calidade do servizo nas condicións actuais”.

Carta Naturgy

Carta Teleperformance