Gómez Reino: “Con Galicia no Goberno acadamos maior investimento por galega e unha baixa histórica das peaxes na AP9”

“Son uns orzamentos absolutamente históricos tanto na mobilización de recursos e no xiro social como na resposta as cuestións clave do país: vertebración do interior, a intermodalidade e o saneamento das rías”

O deputado de Unidas Podemos destacou  que o Ministerio de Yolanda Díaz realizará “a maior inversión da súa historia en Galicia”

Madrid, 29 de outubro.- “Con nós no Goberno, Galicia conta. A proba é que o Estado vai investir no 2021 uns 308 euros por cada galega, moi por riba da media doutras autonomías. Medra un 29% o investimento dos ministerio no país e baixan as peaxes da AP9, unha medida crucial para a nosa vertebración socioeconómica pola que levamos anos batallando e que agora si, será unha realidade”.

O deputado e portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, facía hoxe no Congreso unha valoración polo miúdo dos Presupuestos Generales do Estado para o 2021 no que respecta ás partidas consignadas para Galicia.

“Son uns orzamentos absolutamente históricos para Galicia tanto na mobilización de recursos públicos no país e o xiro social como na resposta a demandas clave do país como a bonificación das peaxes e mesmos a supresión de novos tramos, a vertebración das provincias do interior galego, co eixo Lugo-Monforte-Ourense, máis aló dos millonarios investimentos no Ave e a aposta determinada pola mobilidade sostible na intermodalidade nas cidades e vilas galegas”.

Queda claro, subliñaba o deputado de Unidas Podemos, que o proxecto económico deste Goberno de coalición para 2021 marca unha liña clara de ruptura co pasado austeridade e pon o foco en Galicia cun investimento medio por galego de 308 euros, por riba da media estatal (258 euros por habitante) e a que se establece noutras autonomías como Madrid (188 euros), Cataluña (260) ou Valencia (233).

Gómez Reino salientaba a medra dun 29% no investimento ministerial no país cuns datos que deixan ás claras a aposta do Goberno de coalición por situar a Galicia no centro con inversións acordes ás demandas do territorio.

Por provincias, as inversións increméntanse un 90% en Lugo, ate os 114 millóns de euros, remontando a desfeita na que ficaron baixo o mandato popular de 2011 a 2018 nos que diminuíran un 66%. Medra tamén a inversión na Coruña, con 374 millóns, e suma un 36% a de Pontevedra, que se achega aos 206 millóns de euros.

A baixa no investimento global en Ourense explícase co remate das obras do Ave, que trocan en novas inversións que apostan pola vertebración interior do territorio como parte dunha estratexia de mobilidade sostible que pivota entorno á intermodalidade para pular polo transporte público de calidade, con frecuencias e servizos acaídos ás demandas da cidadanía.

O deputado galego facía fincapé no logro histórico de acadar unha bolsa de 55 millóns de euros para bonificacións nas peaxes da Ap9 que na práctica permitirán que as galegas e galegos paguen menos, e mesmo se supriman tramos, nos desprazamantos pola autoestrada do Atlántico, unha das arterias viarias fundamentais para impulsar a cohesión socioeconómica de Galicia.

“Hai cinco anos que desde Galicia en Común vimos traballando na consecución deste obxectivo, que era unha demanda histórica da sociedade galega. Agora si, con este Goberno de coalición, con Galicia no Goberno será unha realidade. Polo camiño, tanto Yolanda Díaz como eu mesmo temos presentadas nesta cámara mais de 21 iniciativas de todo tipo pedindo a rebaixa das peaxes e outras 13 para urxir a transferencia da Ap9, que xa figuraba como punto 3 da nosa Axenda Galega do Cambio, clave na negociación presupostaria do 2019”, sinalou Gómez Reino.

O deputado fixo fincapé en que o Ministerio de Traballo e Economía Social, que encabeza a deputada de Galicia en Común, Yolanda Díaz, fará “o maior investimento da súa historia” no país para afondar e ampliar o escudo de protección social despregado na pandemia e revalorizar as pensións de preto de 800.000 galegas e galegos.No plano mediambiental, o deputado coruñés salientou a partida consignada nas contas do 2021 para acometer o inaprazable saneamento da ría do Burgo, outra cuestión pola que se pulou con distintas accións lexislativas, e apuntou que Galicia en Común ten o compromiso de traballar agora no período de emendas para “avanzar aínda máis” para incluír na versión final das contas novas partidas que respondan as demandas do país.

“Estes orzamentos son indispensables para avanzar na transformación do Estado e de Galicia e camiñar pola senda do futuro polo que temos a seguridade de que serán aprobados axiña”, rematou.

Aquí podes ver a intervención completa de Gómez Reino desde o Congreso.

E nesta ligazón, escoitar o audio.