Gómez Reino considera que Feijóo “despreza” á cidadanía galega ao negarse a escoitar as propostas de Galicia en Común para enfrontar a crise da Covid-19

Galicia en Común Anova-Mareas denuncia que as graves carencias das residencias da terceira idade privatizadas pola Xunta, que están buscando estudantes de medicina para cubrir vacantes de médicos, poñen en risco a saúde dos maiores

Compostela, 13 de abril do 2020.- O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, cualificou hoxe de “desplante” e de “desprezo á cidadanía galega” a negativa de Alberto Núñez Feijóo a celebrar as reunións periódicas que se comprometeu a manter coas forzas políticas galegas, o que está impedindo que estas poidan facer chegar á Xunta as súas propostas para enfrontar a crise da Covid-19.

“Foi Feijóo quen reclamou a nosa colaboración e o apoio que agora rexeita, quen pediu un diálogo permanente e construtivo. Pero parece máis interesado en facer propaganda a través de roldas de prensa que en escoitar propostas”, dixo Gómez Reino. O voceiro de Galicia en Común Anova-Mareas lembrou que, fronte aos 42 minutos adicados a comparecer ante no Parlamento de Galicia, o presidente da Xunta ten gastadas máis de 14 horas en roldas de prensa virtuais desde o comezo da crise. «Nese sentido non entendemos como pode ser que aínda non teñamos clarificado como vai ser o funcionamento neste período da Deputación Permanente do Parlamento, único órgano de control ao Goberno de Núñez Feijóo neste tempo».

Gómez Reino lembrou que Galicia en Común-Anova Mareas ten presentado propostas “serias e razoables” para combater a crise en materia sanitaria, de seguridade e de servizos sociais; no ámbito educativo e cultural; reclamando apoios e medidas específicas para todos os sectores produtivos e estratexias de protección para as familias e traballadores galegos que se atopan en situación máis fráxil. “Negarse a debatelas non é un desplante a Galicia en Común, senón un desprezo á cidadanía galega, que está reclamando colaboración e unidade aos partidos”, engadiu.

O voceiro da coalición advertiu tamén a Feijóo de que non pode esixir “transparencia” ao Goberno do Estado nas cifras de afectados pola epidemia cando é a propia Xunta a que se nega a ofrecer os datos de falecidos pola Covid-19 desagregados por residencias e centros sociais. “Iso impide que a sociedade coñeza características elementais da gravidade da epidemia, como a súa incidencia territorial ou onde se atopan os focos máis perigosos. É unha decisión que só serve aos intereses do PP, pero esa falta de transparencia afecta gravemente á loita contra o coronavirus en Galicia e no resto do Estado. É unha estratexia imprudente e desleal”, alertou.

Nese sentido, Gómez Reino lembrou que Galicia en Común-Anova Mareas leva semanas pedindo á Xunta que exerza as súas competencias e interveña e medicalice todas as residencias de maiores privatizadas no país, para garantir que os seus usuarios están correctamente atendidos co persoal e medios necesarios. “Hoxe soubemos que a empresa que xestiona a residencia máis afectada pola epidemia está buscando estudantes de Medicina para cubrir prazas vacantes de médicos nun portal de Internet. É unha vergoña”, subliñou.

O voceiro de GeC-AM insistiu en que os problemas que están a padecer as residencias galegas da terceira idade “son un problema de modelo”. “Un modelo privatizador que permite facer negocio coa saúde dos maiores e que ten conseguido que o 70% dos usuarios de residencias estean en centros xestionados por empresas privadas, cuxas deficiencias xa foron denunciadas polo Consello de Contas de Galicia sen que a Xunta fixera nada para corrixilas”, concluiu.

Podes escoitar o audio de Gómez Reino aquí e ver de novo a sua comparecencia neste enlace