Gómez Reino constata que Feijóo “non ten intención de acordar coas forzas políticas e sociais de Galicia as medidas de contención e desescalada da crise sanitaria”

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas considera “unha imprudencia e unha irresponsabilidade» que o presidente da Xunta crea que pode enfrontar a emerxencia da Covid-19 «desde a soidade dunha maioría absoluta caducada»

A Coruña, 26 de abril do 2020.- “Nin Feijóo nin o PP parecen ter intención de acordar coas forzas políticas e sociais de Galicia as medidas de contención da crise sanitaria, para a que tampouco están ofrecendo solucións de ningún tipo”.

Así valorou hoxe o voceiro de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, a reunión que mantivo co presidente da Xunta e coas voceiras do resto dos partidos da oposición.

“É unha imprudencia e unha irresponsabilidade por parte de Feijóo, quen preside un Goberno interino, pensar que pode enfrontar esta crise desde a soidade dunha maioría absoluta caduca, cando toda a sociedade galega está reclamando aos responsables políticos unidade, cooperación e diálogo construtivo”, engadiu.

Gómez Reino subliñou que o presidente da Xunta non recolle as propostas lanzadas desde o comezo da emerxencia sanitaria pola coalición Galicia en Común-Anova Mareas, nin tampouco as do resto de forzas políticas.

“O único que fai o presidente Feijóo, como leva facendo semanas, é escudarse nas críticas ao Goberno central. E esas críticas son inútiles, mera propaganda, se non van acompañadas de propostas concretas”.

O voceiro da coalición insistiu en que Feijóo “segue a falar de que ten que ser a Xunta a que xestione a fase de desescalada cando as cifras da expansión da epidemia amosan con claridade que o que debería preocuparlle é a fase de contención, da que Galicia aínda non saíu, e sen ofrecer plan, axenda ou calendario coas súas propostas para esa desescalada”.