Gómez Reino convida a Caballero e Pontón a consensuar unha proposta de campaña con garantías democráticas e sanitarias fronte a unilateralidade irresponsable do PP

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas ven de remitir unha carta ás voceiras de PsdeG e BNG para urxir unha xuntanza de traballo para unha proposta electoral unitaria

Galicia en Común aposta por un envío conxunto de programas, un debate a dobre volta na TVG e outros sectoriais e territoriais para que a cidadanía poida coñecer todas as propostas políticas antes de decidir o 12X

Compostela, 3 de xuño.- O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, vén de remitir unha carta ás candidatas de PsdeG e BNG, Gonzalo Caballero e Ana Pontón, coa vontade de consensuar unha proposta unitaria de campaña que afiance as garantías sanitarias e democráticas da cidadanía galega ante a irresponsabilidade unilateral do PP de Núñez Feijóo de convocar unhas eleccións en plena pandemia do Covid19.

“Estamos seguros que chegaremos a un acordo sobre a duración da campaña electoral e as outras medidas que sexan suxeridas polas autoridades sanitarias”, expón Gómez Reino. Recolle así o convite remitido o 26 de maio polo BNG e empraza, ademais, a Gonzalo Caballero, do PsdeG, a manter “unha xuntanza de traballo coa maior urxencia entre as equipas de campaña a fin de consensuar unha proposta unitaria entre as tres candidaturas para abordar a campaña electoral coas máximas garantías no respecto á democracia e a saúde pública”.

Desde Galicia en Común-Anova Marea consideramos primordial acadar un acordo amplo entre as tres forzas que suman a alternativa a Feijóo que se centre en ofrecer dúas garantías básicas ao electorado galego ante a cita coas urnas; dunha banda, unhas garantías sanitarias estritas para a saúde pública que non deixen marxe á improvisación nin ao risco e, pola outra, as irrenunciables garantías democráticas de que as galegas e os galegos terán o dereito a informarse das distintas opcións e das propostas políticas dos nosos programas para poder elixir entre o austericidio dos recortes e da propaganda do decenio negro de Feijóo ou un Goberno de progreso para a Galicia futura.

A proposta da coalición, que vimos de remitir aos compañeiros e compañeiras do PsdeG e do BNG pasa por deseñar un plan que recolla distintos protocolos artellados sobre ambas garantías para favorecer ao máximo o desesenvolvemento da campaña e da xornada electoral.

Ademais, tómase en conta a proposta do envio único con todos os boletíns de voto de todas as opcións políticas, proponse habilitar espazos suplementarios, ampliados e gratuítos nos medios públicos (CRTVG e RTVE) para poder chegar á cidadanía para compensar as limitacións de non poder facer unha campaña a pé de rúa e considerar a celebración de varios debates entre os candidatos con dobre volta na TVG, e outros debates sectoriais e territoriais con temáticas a acordar.

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.

E nesta ligazón tes o vídeo coa intervención.