Gómez Reino defende na Comisión de Industria a intervención pública na fábrica da Mariña


“Nunca se tiña que ter privatizado Inespal como fixo o PP, tan patriotas que malvenden o público cando é rendible e nunca máis axudas multimillonarias a empresas sen compromiso co emprego»

O deputado de Galicia en Común reiterou que o futuro da planta da Mariña pasa por unha intervención pública e coordinada entre o Estado e o resto das Administración públicas

Madrid, 13 de outubro de 2020.- O voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, defendeu hoxe ante a Comisión de Industria, Comercio e Turismo da Cámara a intervención pública e coordinada entre o Estado e o resto das Administracións públicas na fábrica de aluminio primario na Mariña como garantía de emprego e futuro para toda unha comarca nun sector industrial estratéxico.

O Grupo Parlamentario de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común leva semanas apostando pola intervención pública como solución para a planta lucense, como única fórmula para salvar  e garantir os postos de traballo na comarca.

“Hai que continuar na senda destes últimos meses, o da intervención clara por parte das administracións públicas”, asegurou Gómez Reino en sede parlamentaria. 

O voceiro do grupo lembrou, ademais, os erros consecutivos que se deron nos últimos anos para chegar ao punto no que se atopa a planta a día de hoxe. “Nunca se tivo que ter privatizado INESPAL por parte dun goberno do Partido Popular, ese partido que se di tan patriota pero que sempre que pode privatiza empresas públicas competitivas como esta».

Nesa mesma liña, apuntou que “nunca se debería permitir que unha empresa competitiva como esta estea en mans dunha multinacional que recibiu máis de 1.000 millóns de euros en subvencións cos cartos de todas sen compromisos reais cos postos de traballo e co proxecto industrial”.

«A solución pasa pola intervención», concluíu. 

Podes ver a intervención completa de Antón Gómez Reino aquí e descargar o audio nesta ligazón