Gómez Reino denuncia ameazas de morte contra cargos públicos e militantes de Podemos en Galicia

‘Non imos tolerar ameazas nin o matonismo que empurra a extrema dereita. Pedimos a Fiscalía e a Xustiza que actúen’


Madrid, 6 de maio.-
 O deputado galego, Antón Gómez Reino, vén de presentar unha denuncia na comisaría do Congreso polas ameazas de morte recibidas a través das redes socias e formuladas contra el mesmo, outros cargos públicos de Podemos e militantes da formación na Coruña.

‘Temos a responsabilidade de facer pública esta denuncia para que a xustiza actúe con contundencia coas ferramentas legais. Temos a responsabilidade de visibilizar un problema de odio e acoso que vai en ascenso nas redes pero tamén nas rúas empurrado por unha extrema dereita que está tratando de incendiar e confrontar o país”, manifestou Gómez Reino.

“Non imos tolerar ameazas. Non imos consentir esta persecución e o matonismo. Non debemos mirar cara outro lado e non hai que deixar espazos aos que erosionan dereitos e liberdades. Por iso, instamos á xustiza e á Fiscalía a que actúen”, rematou.

A ameaza recibida está dirixida ao propio Gómez Reino, así como a outros cargos públicos de Podemos e á militancia da formación na Coruña, a partires da súa participación, o pasado 1 de Maio, nas mobilizacións sindicais no Día do Traballo.