Gómez Reino denuncia que Feijóo retrasa a tramitación dos ERTE obrigando ás traballadoras a agardar 15 días más para cobrar a prestación

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas cualificou de «gravísimo» que o presidente da Xunta dilate o proceso de tramitación dos expedientes de regulación temporal de emprego deixando desprotexidas a miles de familias galegas

Madrid, 16 de abril de 2020.- O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, pediu hoxe explicacións a Feijóo polo retraso na tramitación dos ERTE en Galicia.

Segundo o Diario Oficial de Galicia publicado o pasado 2 de abril, o Goberno galego duplicou o prazo de 5 días que estableceu o Goberno central para tramitar estes expedientes, «dándolle así as costas aos traballadores e as traballadoras galegas, que tardarán 15 días máis en cobrar a súa prestación».

Para o voceiro de GeC-AM «é gravísimo» que a Xunta dilate este proceso «mentres culpa ao Goberno central dos retrasos».

Gómez Reino asegurou que dos 117.777 expedientes que entraron onte no Servicio Público de Empleo Estatal, recoñecéronse 108.956, “o que demostra que o Goberno do Estado si está cumprindo».

«Feijóo non só non exerce as súas competencias en materia económica, sanitaria e social senón que dificulta o traballo que si se está a facer por parte do Goberno central», sinalou o voceiro.

«Deseñouse un mecanismo para axilizar o cobro das prestacións e a Xunta o que fai é duplicar ese prazo».

Galicia en Común-Anova Mareas pide explicacións a Feijóo e a Xunta para que as 200.000 galegas e galegos poidan cobrar de maneira áxil as prestacións ás que teñen dereito. Reclamou, ademais,  a comparecencia do conselleiro de Economía, Emprego e Industria ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para “dar explicacións á cidadanía galega».

Gómez Reino valorou tamén o ingreso mínimo vital que hoxe aprobará o Consello de Ministras. «Trátase dunha medida histórica e de cobertura que se estenderá no tempo e que amosa que , en crises coma estas, os gobernos teñen que defender ao conxunto da cidadanía e construír un enorme escudo social para garantir que ninguén quede atrás».

Aqui podes escoitar o audio de Gómez Reino