Gómez Reino destaca que os PGE apostan decididamente polo control dos prezos de venda no sector primario

  • O deputado pola Coruña fixo referencia ao incremento do 32% do orzamento do AICA, o organismo encargado do control dos prezos no mercado agrario
  • O proxecto de orzamentos tamén incrementa as partidas en Agricultura, Pesca e Alimentacion nun 12% “revertindo os recortes do Partido Popular”

Madrid, 25 de novembro de 2020.- O deputado de Unidas Podemos e voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, sinalou hoxe na Comisión de Orzamentos do Congreso que “as políticas de agricultura, pesca e alimentación vén aumentadas as súas dotacións orzamentarias en 904,9 millóns de euros, isto é un 12,1% máis en relación aos orzamentos do Partido Popular, que permitirá reverter case na súa totalidade o recorte do 12,5% entre os anos 2011 e 2018”.

Unha das partidas máis destacadas é a de desenvolvemento rural, que experimenta un maior incremento nas súas dotacións orzamentarias. “Estamos a falar de 256,4 millóns de euros de subida, case un 20% máis que nas contas anteriores, o que contrasta coas políticas do Partido Popular que baixaron estas dotacións nun 27,6%”, indicou o portavoz.

Gómez Reino destacou ademais que no proxecto de orzamentos “hai unha moi boa nova en relación a AICA, cuxa dotación orzamentaria medra nun 32% en relación ao 2018, o que permitirá avanzar nun maior control de cara a controlar os prezos de venda no sector primario e evitar que baixen dos custos de produción, unha demanda que nos levan trasladado todas as entidades do sector agrogandeiro”.

No borrador que se somete esta semana a debate na Comisión de Presupuestos da Cámara Baixa inclúense tamén no eido da agricultura, un Plan Específico de impulso á investigación pesqueira e acuícola, a ampliación da rede de reservas mariñas de pesca, así como programas de reforzo da competitividade e a mellora das condicións de traballo en cumprimento do Convenio sobre o traballo na pesca 188 da OIT.

Aquí podes consultar a intervención de Antón Gómez Reino na Comisión