Gómez Reino: ‘É imprescindible un alto o fogo e traballar activamente pola paz e o respecto aos dereitos humanos en Nagorno Karabaj”

O deputado galego e vicepresidente da Comisión de Asuntos Exteriores, integra unha delegación internacional de urxencia desprazada a esta zona de guerra entre Armenia e Acerbaixán

Santiago, 4 de novembro.- O deputado de Unidas Podemos e portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, vén de participar estes días dunha delegación internacional de urxencia integrada por representantes públicos e embaixadores de diversos estados da UE e ONE desprazados desde o sábado 1 a Nagorno Karabaj, un territorio fronteirizo en conflito entre Armenia e Acerbaixán, na procura de vías pacíficas de resolución e na esixencia do absoluto  respecto aos dereitos humanos.

A delegación que percorreu neste días distintas localidades na zona de fronteira co Karabaj, como Gorin, mantivo encontros con onegués que traballan sobre o terreo e coas familias que están a sufrir brutalmente as consecuencias do conflito armado e do lume cruzado e que xa tiveron que abandonar as súas aldeas e pobos, sembrados de vítimas mortais,  para convertirense en refuxiados. 

‘É imprescindible traballar pola solución do conflito coa implicación activa da comunidade internacional; é urxente e necesario un alto o fogo para avanzar na paz e no respecto aos Dereitos Humanos e a sobenaría en Nagorno Karabaj, unha zona absolutamente estratéxica para conservar os equilibrios do Caúcaso e Oriente Medio», manifestou Gómez Reino.

Hoxe, en Everán, a capital armenia, conclúe a viaxe logo dun panel de diálogo no que tomaron parte os representantes de Alemania, Holanda, Francia e España, entre outros, na procura da implicación internacional nun camiño pacífico que poña fin ao conflito armado no Caúcaso, con fondas raíces pero que se desencadenou o pasado 27 de setembro e que xa se cobrou numerosas vidas. 

O deputado galego é vicepresidente da Comisión de Asuntos Exteriores do Congreso dos Deputados e ten participado en distintas misións internacionais en Turquía, China e América Latina. 

Pincha nesta ligazón para ver o vídeo.