“Seguimos sen ter nin unha soa proposta de como pensa a Xunta garantir a democracia e a saúde dos galegos nunhas eleccións convocadas a medida do PP”
“Logo dunha semana agochado, reaparece baixo o paraugas da Xunta para iniciar a precampaña do PP anunciando as medidas de impulso ao primario que lle reclamamos desde o 4 de abril”
A Coruña, 22 de maio.- O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, vén de denunciar hoxe a total indignidade e oportunismo político da Xunta do PP de Alberto Núñez Feijóo nunha carreira indisimulada para procurar rédito político a costa dunha pandemia que non axudaron a conter mentres abonaban o terreo para convocar eleccións en xullo sen garantías sanitarias nin democráticas.
“É absolutamente inmoral que a Xunta de Feijóo pretenda sacar tallada política dunha pandemia que non axudou a minorar, cando en lugar de exercer as súas competencias nestes 68 días de estado de alarma, estiveron aboando o seu terreo electoral e pretendendo enganar á cidadanía coa súa maquinaria de propaganda para facer pasar por propias as medidas de contención da pandemia e o escudo social implementando polo Goberno de coalición do Estado”, sinalou o portavoz.
Desde Galicia en Común-Anova Mareas trasladamos a nosa preocupación pola absoluta falla de información por parte da Xunta sobre un proceso electoral xa convocado para o 12 de xullo que carece de procedimentos, como si trasladou o Goberno vasco á oposición, para tratar de garantir os mínimos democráticos e a saúde das galegas e galegos.
“Case unha semana despois da convocatoria electoral seguimos sen ter información por parte do señor Feijóo, nin unhas mínimas garantías democráticas e sanitarias. Este é o modus operandi, a altura moral do presidente dos galegos e do PP: as siglas, unha vez mais, por riba da saúde”, manifestou Gómez Reino.
“É obvio que Feijóo ven de iniciar a precampaña do PP, xa perfectamente preparada mentres a cidadanía galega afrontaba un longo confinamento, e reaparece esta semana logo de anunciar eleccións en Curtis e Sarria baixo o paraugas da Xunta para anunciar, agora si, algunhas das medidas que desde Galicia en Común lle levamos case dous meses esixindo para axudar a minorar as consecuencias da pandemia.
No concreto, Gómez Reino referíase a unha batería de propostas de impulso aos sectores primarios do país que a coalición ven solicitando desde o 4 de abril e que lle foran trasladadas ao Goberno galego xunto coas propostas para rescatar o pequeno comercio e turismo, políticas sociais e de vivenda, ou de apoio aos autónomos e a cultura.
“Hai semanas que o vimos dicindo. Feijóo está aliñado na estratexia de Casado, Ayuso e Abascal, quen ven de manifestar que se ofrece como muleta de Feijóo nun hipotético goberno das extremas dereitas en Galicia”, reiteraba Gómez Reino. «Unha vez que as convoca, Feijóo, interino e en funcións, que teña a decencia de dicirnos como pensa facer para garantir a saúde e os dereitos das galegas e galegos».
“Fronte ás políticas de austericidio, de destrución do público das dereitas extremas desta última década, o próximo Goberno galego será, si ou si, de coalición do conxunto de forzas progresistas, para transformar o país, avanzou o portavoz da coalición. “Traballar, entre todas, para construír un futuro diferente cun goberno que goberne para non deixar a ninguén atrás”.
Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.
E aquí podes ver a rolda de prensa íntegra.