O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas lamenta que o Servizo Galego de Saúde se negue a renovar os contratos do persoal contaxiado por coronavirus
“É intolerable que tivese que suceder isto para poñer de manifesto as enormes carencias que deixaron estes anos de recortes e privatizacións no sistema asistencial á terceira idade”
A Coruña, 8 de abril do 2020.- O portavoz de Galicia en Común- Anova-Mareas, Antón Gómez Reino, esixiu hoxe a Alberto Núñez Feijóo que poña freo aos despedimentos de persoal sanitario temporal do Servizo Galego de Saúde (Sergas) afectado pola Covid-19. “Mentres a cidadanía os aplaude polas tardes, a Xunta os despide pola mañá. É intolerable”.
Gómez Reino referiuse á denuncia da Confederación Intersindical Galega (CIG), que asegurou onte nun comunicado que o Sergas está a enviar ao paro ao persoal médico e de enfermaría que caen de baixa vítimas do contaxio do virus e que teñen contratos temporais. “Os sanitarios son nosa principal liña de defensa contra o virus e non merecen ese trato. O mínimo que debería facer a Xunta é garantirlles un contrato único mentres dure a emerxencia”, dixo.
O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas anunciou que o Grupo Común da Esquerda pedirá a comparecencia inmediata do conselleiro de Sanidade ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, para explicar os despedimentos e, tamén, dar conta da dramática situación que padecen as residencias de maiores da comunidade.
“Estamos a recibir denuncias de familias de usuarios e de traballadores de residencias que indican que se está poñendo en risco as súas vidas. É unha vergoña que tivese que ocorrer esta epidemia para poñer ao descuberto as enormes carencias de tantos anos de recortes e privatizacións no sistema asistencial á terceira idade”, subliñou Gómez Reino, quen insistiu en que a Xunta “ten que exercer as súas competencias e intervir e medicalizar xa as residencias. Levamos semanas dicíndollo”.
Nese sentido, Gómez Reino lamentou que non fóra ata onte cando a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia a orde que obriga a todos os centros sanitarios e sociosanitarios do país as comunicar con carácter obrigatorio as mortes relacionadas co Covid-19. “Se queremos combater eficazmente a epidemia, temos que coñecer todos os datos sobre a súa expansión e a súa gravidade. Feijóo ten que actuar con transparencia e con lealdade á cidadanía. Isto non se combate só con propaganda”, advertiu.
Aquí podes ver de novo a comparecencia de Gómez Reino.