“Feijóo nin quere nin sabe gobernar o país. É incapaz de exercer as súas competencias para ampliar o escudo social pero é capaz de facer partidismo con todo, até cunha medida histórica contra a pobreza como a Renda Mínima Vital”
“Nunca mais unha Xunta parapetada na propaganda que só privilexia a unha minoría. Galicia en Común-Anova Mareas será parte do Goberno do cambio con políticas públicas para as maiorías sociais”
Compostela, 1 de xuño.- O portavoz e candidato de Galicia en Común-Anova Mareas á Xunta, Antón Gómez Reino, chamou hoxe á mobilización do voto progresista galego o 12 de xullo para iniciar a construción dun goberno de coalición e transfomador en Galicia, un goberno para as maiorías sociais que lle dea un xiro de 180 grados ás políticas de privatización e golpeo do público tras dunha década de asfixia e recortes ocultos baixo un manto de propaganda.
“O noso compromiso é que se o 12 de xullo as forzas progresistas deste país temos un só voto mais que a suma de PP e Vox, construiremos un goberno de país, transformador e centrado con políticas públicas en defensa das maiorías”, asegurou Gómez Reino.
“Onte cumpríronse dous anos da moción de censura a Mariano Rajoy. É o exemplo de como o acordo entre as forzas de progreso nos permitiu desaloxar ao Goberno corrupto do PP; o partido das caixas B con mais de 800 imputados en tantos casos moitos deles, por certo, que naceron aquí, en Galicia”, lembraba hoxe o voceiro da coalición.
“É obvio o que fai Feijóo cando ten que exercer as súas competencias: inhibirse, desgobernar e desviar a atención pedindo protocolos e información ao Goberno central. Faino con Alcoa, faino coa RISGA, renda que deixou esmorecer escuálida e absolutamente insuficiente, faino coas residencias de maiores, cos centros de dia e dependentes, faino co Ensino, e con todas as cuestións nas que ten e tivo todas as competencias. Temos un presidente caduco que nin sabe nin quere gobernar este país”, dixo Gómez Reino.
“O que nos está a reclamar a sociedade son horizontes e certezas no medio deste ruído que a cidadanía nin entende nin desexa. Basta da crispación e a polarización que está a artellar a extrema dereita e a dereita extrema de Casado, Ayuso, Cayetana e Abascal cos que está perfectamente aliñado o señor Feijóo, incapaz de xestionar, pero capaz de facer partidismo con absolutamente todo”, sinalou o voceiro.
“A única liña que mantivo nestes 70 días foi a inacción e a ocultación da realidade. Foi incapaz de lexislar para que a Renda Mínima Vital complementase a RISGA pero é capaz de facer partidismo até dunha medida histórica que nos sitúa no nivel das grandes democracias europeas”.
Desde Galicia en Común-Anova Mareas temos moi claro que o futuro do país pasa por un goberno de coalición entre as forzas progresistas. Hai unha maioría social que quere un cambio e o cambio é posible. Nunca mais unha Xunta parapetada na propaganda e que só privilexia a unha minoría. “Seremos parte dun Goberno de cambio e transformación con políticas públicas para as maiorías sociais”, concluíu.
Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.
E nesta ligazón a nosa canle de Youtube, tes o vídeo íntegro.