Gómez Reino: «É o momento de converter os aplausos ao persoal sanitario en medidas que melloren as súas condicións laborais»

O candidato da coalición, Antón Gómez Reino, e a cabeza de lista por Pontevedra, Eva Solla, reuníronse hoxe con CESM Galicia para recoller as súas demandas en materia sanitaria

Martiño Noriega e Eva Solla manterán outro encontro esta tarde con ATESSGA (Asociación de Técnicos Superiores Sanitarios de Galicia), profesionais sanitarios que estiveron en primeira liña realizando todas as probas do Covid19 durante estes meses

Con estas son xa 5 as xuntanzas mantidas con colectivos da saúde, tras reunirse con «Enfermeiras Eventuais en Loita», a Asociación en Defensa da Sanidade Pública, representantes dos celadores e auxiliares de enfermaría

A Coruña, 15 de xuño de 2020.- Galicia en Común-Anova Mareas reiterou hoxe a importancia de que o goberno que saia das urnas o vindeiro 12 de xullo asuma o compromiso orzamentario de reforzar a Sanidade Pública no país, tanto no que ten que ver con recursos materiais, pero sobre todo humanos. Así llo trasladaron esta mañá Antón Gómez Reino e Eva Solla aos representantes da Confederación de Sindicatos Médicos de Galicia, que manifestaron a necesidade de que se reforce o persoal sanitario.

Para o voceiro e candidato da coalición «é o momento de converter os aplausos ao persoal sanitario en medidas que melloren as súas condicións laborais» e esta pandemia debe facernos valorar aínda máis a importancia que na nosa sociedade ten que ter a sanidade pública.

Dende o sindicato médico trasladaron a súa preocupación por un posible rebrote de Covid19. Gómez Reino lembrou que dende a coalición «elaboramos un Plan de Choque para minimizar as súas consecuencias», que inclúe o reparto de equipos de protección individual e produtos de desinfección con cobertura a todo o territorio de Galicia e a todo o persoal sanitario; a previsión de medicalización inmediata e desinfección periódica de todas as residencias de maiores, así como dos centros de dependentes e de menores ou o Reforzo inmediato de recursos humanos e materiais.

Martiño Noriega e Eva Solla manterán outro encontro esta tarde con ATESSGA (Asociación de Técnicos Superiores Sanitarios de Galicia), profesionais sanitarios que estiveron en primeira liña realizando todas as probas do Covid19 durante estes meses. Dende a Asociación reclaman ao futuro goberno autonómico que ase aplique en Galicia o Estatuto Básico do Empregado Público de 2007 onde se sitúa aos Técnicos Superiores no Grupo B e non no grupo C1 actual, coa diminución que supón de cara ás cotizacións á Seguridade Social. Así mesmo, solicitan tamén tanto a aplicación do RD 184/2015, de 13 de marzo, no que ten que ver coas equivalencias das categorías profesionais do persoal estatutario dos servizos de saúde e a súa inclusión en Atención Primaria, que melloraría a atención desta especialidade médica.

Aquí está o audio de Gómez Reino.

E nesta ligazón podes ver o vídeo coa intervención.