“A morte de Diego Bello semella unha execución extraxudicial da policía filipina nunha inxusticia clamorosa que debe ser investigada até o final”
O deputado de Unidas Podemos-Galicia en Común instou aos grupos da Cámara a dar o respaldo unánime á declaración institucional que procura “xustiza e verdade”
Madrid, 20 de outubro.- O deputado de Unidas Podemos e portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, presentou hoxe no Congreso unha batería de iniciativas parlamentarias encamiñadas a elevar ás instancias políticas e xudiciais no marco estatal e europeo, a morte do coruñés Diego Bello, cualificada nos informes periciais e autopsias como unha probable execución extraxudicial a mans da policía de Filipinas.
Además das iniciativas, Gómez Reino instará a todos os grupos da Cámara a respaldar unha declaración institucional que procura “xustiza para Diego”, ao “elevar o caso a instancias políticas e xudiciais europeas, de cara a determinar as responsabilidades e fixar as penas e sancións que lle correspondan ao Goberno da República de Filipinas”.
“Levamos semanas en contacto coa súa familia e amigos para visibilizar política e públicamente esta cuestión que pasa por limpar o nome dun cidadán galego e español que semella que foi executado en Filipinas no que é unha inxustiza clamorosa”, lembraba o voceiro de Galicia en Común.
“Traemos unha serie de iniciativas ao respecto e unha declaración institucional que agardamos que obteñan o respaldo unánime desta Cámara porque Diego é veciño, fillo, irmán, amigo e merece xustiza. Merece xustiza e verdade e merece que non se esqueza a súa morte sen máis e sen sinalar aos responsables”, concluíu.
O deputado de Unidas Podemos e vicepresidente primeiro da Comisión de Asuntos Exteriores do Congreso, tamén se referiu hoxe ao “resultado absolutamente incontestable” dos comicios celebrados este domingo en Bolivia para o Movimiento al Socialismo (MAS), fundado por Evo Morales.
“Gaño o pobo e gañou a democracia. Ábrese paso, novamente, o cambio político e democrático da esquerda en América Latina”, manifestou.
Por último, Gómez Reino lembrou a petición rexistrada para reactivar a comisión bilateral entre a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado para abordar no foro institucional o traspaso das competencias pendentes como a autoestrada Ap-9, Salvamento Marítimo e tráfico logo dunha década en branco baixo o mando do PP e referiuse, a preguntas dos medios, a moción de censura que se vai debatir nas próximas horas.
“É a moción de censura da antipolítica, de embarrar con todo. Frente a ese griterío, estase a facer Política desde o diálogo con seis acordos sociais. O PP e Ciudadanos levan demasiado tempo mimetizándose coa extrema dereita. Fronte a iso, hai un esquerda rica no Goberno”, finalizou.