Gómez Reino esixe a Casado, Ayuso e Feijóo que deixen de bloquear a saída á crise sanitaria

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas insiste en que o xefe do Executivo autonómico “ten a obriga de gobernar Galicia e deixar de facer oposición”

“Temos un presidente da Xunta que non ten palabra e ao que só lle interesa facer propaganda”

Compostela, 11 de maio do 2020- O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, instou hoxe ao Partido Popular, e en especial ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a cumprir coas demandas da cidadanía galega, que leva semanas reclamando unidade ás forzas políticas na loita contra a epidemia de coronavirus, e a deixar de empregar a traxedia da Covid-19 como ferramenta dos seus intereses electorais.

“Casado, Ayuso e Feijóo teñen que deixar xa de bloquear o traballo que os servizos sanitarios e o resto de institucións están facendo para saír desta crise. Feijóo ten a obriga de gobernar Galicia e deixar de facer oposición”, dixo.

Gómez Reino lembrou que os colectivos de traballadoras dos servizos esenciais, como as sociosanitarias, levan tendo desde o comezo da emerxencia “un comportamento solidario e exemplar” que transmitiron a toda a cidadanía, enfrontándose a unha situación excepcional desde a unidade e o apoio mutuo e cun obxectivo común: salvar vidas.

“Pola contra, unha parte importante da clase política está facendo exactamente o contrario”, aproveitando a traxedia para buscar vantaxes electorais.

“Abascal, Casado, Ayuso e Feijóo teñen que deixar de bloquear as medidas destinadas a conter a emerxencia sanitaria, as medidas dirixidas a construír un escudo social contra a crise, e as medidas de desescalada”, subliñou.

Gómez Reino lembrou que Galicia en Común-Anova Mareas fixo desde o comezo da crise unha oposición leal, construtiva e responsable, e que ofreceu a Feijóo non só apoio político senón ideas e propostas razoables en diversas materias, como a posta a disposición da sanidade pública dos recursos da sanidade privada; a medicalización das residencias de maiores e a activación da industria galega para iniciar no país a produción de equipos de protección individual.

“A resposta de Feijóo foi suspender sen aviso as reunións periódicas que prometeu manter coas voceiras do resto de forzas políticas despois das xuntanzas dos presidentes das comunidades autónomas co presidente do Goberno. Temos un presidente da Xunta que non ten palabra. Leva 27 roldas de prensa, máis de 27 horas de televisión.  Négase a dialogar. Non lle preocupa facer, senón aparentar que fai. Só lle interesa a propaganda”, concluíu.

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino.

E aquí podes voltar a ver a rolda de prensa.