Gómez Reino esixe a Feijóo “un escudo social” para as familias galega que viven do sector primario

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas presenta un paquete de medidas para protexer da crise ás 80.000 traballadoras galegas da agricultura, a gandería, a pesca e o marisqueo

Están cumprindo de maneira exemplar o seu papel para conseguir algo tan elemental como garantir o subministración de alimentos ao resto da cidadanía»

Compostela, 4 de abril de 2020.- O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reclamou onte á Xunta a aplicación dunha estratexia política de apoio e defensa das 80.000 familias galegas que viven do sector primario, e instou a Alberto Núñez Feijóo a protexelas da crise económica que está a provocar a emerxencia sanitaria causada polo Covid-19.

“Temos que levantar un escudo social para blindar ás máis de 44.000 galegos e galegas que viven do sector agrogandeiro e forestal e ás 35.000 familias que traballan no mar e na industria conserveira”, dixo Gómez Reino.

Entre as medidas propostas para o sector agrogandeiro figura a redacción dun plan específico de apoio económico directo para o mantemento dos postos de traballo, con liñas de crédito a interese cero durante o período de crise sanitaria.

Para o sector do mar, Galicia en Común Anova Mareas reclama, entre outras medidas, a suspensión da actividade do marisqueo a pé e a flote, co establecemento de axudas directas ás confrarías de pescadores e mariscadoras dirixidas a paliar a falta de actividade. 

Gómez Reino lembrou que o sector primario representa o 5% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia, e que as crises que padecen desde hai decenios tanto a agricultura como a pesca e o marisqueo xa teñen deixado a moitos produtores ao borde da subsistencia.

Nese sentido, subliñou que as traballadoras do sector agroalimentario “están cumprindo de maneira exemplar o seu papel para que a nosa sociedade poida saír adiante nestas circunstancias, conseguindo algo tan elemental como é garantir a subministración de alimentos ao resto da cidadanía”. “Por iso temos que coidalas e asegurar que non se quedan atrás por culpa da crise”.

Aquí podes ver a rolda de prensa íntegra e neste enlace os documentos completos coas propostas para o sector primario