Gómez-Reino esixe á Xunta unha renda básica de emerxencia para garantir a subsistencia das familias sen ingresos

Galicia en Común-Anova-Mareas propón a Feijóo unha trintena de medidas urxentes en materia sanitaria, social, económica, educativa e institucional para combater os efectos da epidemia

Compostela, 22 de marzo de 2020. O candidato de Galicia en Común-Anova-Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, esixirá hoxe ao goberno autonómico a activación inmediata dunha renda básica de emerxencia que garanta a subsistencia das familias e persoas sen ingresos en Galicia mentres duren os efectos da epidemia de Covid-19.

A reclamación forma parte das máis de trinta medidas urxentes en materia sanitaria, social, económica, educativa e institucional que Gómez Reino vai  expor na reunión que manterán esta tarde os líderes das forzas políticas galegas con Alberto Núñez Feijóo. “Estamos nunha situación extraordinaria que require medidas extraordinarias. Temos que asegurar que todos as familias galegas contan cos recursos necesarios para subsistir dignamente mentres duren os efectos sanitarios, sociais e económicos da epidemia de coronavirus”, expón Gómez Reino.

Ademais da renda básica de emerxencia, Galicia en Común-Anova-Mareas  propón tamén a suspensión do pago de taxas e impostos a familias en situación de vulnerabilidade, a posta en marcha de solucións habitacionais para as que estean en situación de emerxencia, incluídas as mulleres vítimas de violencia machista e o desenvolvemento dun plan para a acollida, asistencia e manutención de persoas e familias sen fogar. 

No ámbito económico, Galicia en Común-Anova-Mareas expón, entre outras estratexias, a posta en marcha de axudas directas para pemes e autónomos que se viron obrigados a cesar na súa actividade, liñas de crédito a interese cero para empresas e a simplificación dos procedementos burócráticos para acceder a elas, a atención inmediata das demandas de emprego das empresas que prestan servizos esenciais, así como o peche da actividade marisqueira a pé para permitir que as mariscadoras poidan optar a axudas e prestacións mentres o peche do sector hostaleiro lles impída comercializar o seu produto.

En materia sanitaria, Galicia en Común-Anova-Mareas expón, entre outras estratexias urxentes e obrigadas, o reforzo con medios humanos e materiais de todo o sistema galego de saúde, a realización de tests rápidos de detección do  coronavius en todas as comarcas do país, a reapertura de camas e plantas hospitalarias pechadas en Galicia nos últimos anos, a medicalización inmediata de todas as residencias da terceira idade e centros de menores e dependentes, a posta en marcha dun plan para a subministración a domicilio de medicamentos a persoas maiores e dependentes, e a captación de plantas industriais en Galicia para a produción de material sanitario, de seguridade e desinfección. 

Polo que se refire ás medidas para afrontar a paralización do sistema educativo do país, a coalición avoga por poñer en marcha un plan de seguimento do alumnado de Primaria e  Secudaria a través dunha programación específica nos medios  públicos da  Corporación de Radio e Televisión de Galicia; así como a realización dun informe sobre a situación do alumnado con necesidades educativas especiais destinado a adoptar medidas concretas e individualizadas, ademais de esixir reforzos de persoal e coberturas para os docentes interinos que poidan verse afectados polo peche da actividade escolar.

Enlace ao documento completo