Gómez Reino esixe que se adiquen todos os esforzos da Atención Primaria á loita contra a Covid19 e non a estudos epidemiolóxicos que competen aos investigadores

Galicia en Común-Anova Mareas pregúntase se a Xunta de Feijóo pensa destituír aos profesionais que discrepan da xestión feita tras o cese do xerente de Baños de Molgas

“A mobilización dos opositores forzou, unha vez máis, a rectificación da Xunta e adiar as oposicións a 2021. Cómpre acordar un calendario consensuado, garantir e ampliar as prazas. A Conselleira non pode actuar pola súa conta”

Compostela, 23 de abril de 2020.- O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, demandou hoxe á Xunta que reforce ao máximo, en profesionais e medios, a Atención Primaria en Galicia, que se vai converter na primeira liña de defensa contra a Covid19.

“É evidente que cómpre reforzar un servizo que vai ser fundamental e que sufriu un tremendo recorte nos últimos anos. A Atención Primaria ten que centrar todos os esforzos na loita contra esta pandemia e non adicar o tempo dos seus profesionais a un estudo epidemiolóxico que deberan facer os investigadores”.

Dende Galicia en Común-Anova Mareas, xa temos denunciando o pasado 2 de abril que a Atención Primaria no noso país sufrira un brutal recorte na última década. Falamos dunha diminución do 21% nos seus recursos e cómpre lembrar as folgas do persoal de Primaria, nos PAC (Puntos de Atención Continuada), a amortización de prazas e as deficiencias no 061, sen esquecer a redución dun 9% no número de camas hospitalarias.

“Os profesionais levan moitos anos traballando en condicións precarias, con contratos de días ou semanas e sen continuidade”, asegurou Gómez Reino que demandou que “o que hai que facer é darlles certeza e consolidación aos contratos dos profesionais da atención primaria, non pedirlles que sexan eles quen fagan ese estudo”.

O portavoz da coalición amosou tamén a súa “preocupación polo cese do xerente da residencia de Baños de Molgas”, que dende hai anos preside a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, quen “casualmente é un dos profesionais do ámbito sociosanitario que expresou as súas dúbidas pola xestión da Xunta nas residencias de maiores”.

Para Gómez Reino “que se cese a profesionais que expresan dúbidas, con coñecemento técnico e científico sobre a xestión de Feijóo, non é unha boa nova” e lembrou que “levamos semanas pedíndolle ao presidente da Xunta que medicalice e interveña o conxunto de residencias privadas do país”.

No tocante ao adiamento das oposicións de profesorado, o voceiro de GeC-AM quixo parabenizar ao conxunto de opositores que “coa súa mobilización fixeron recuar á Xunta na súa ilóxica posición de manter a convocatoria”.

Dende a coalición non se entende que a conselleira de Educación volvese actuar unilateralmente, sen o consenso demandado por opositores e sindicatos e pídese a garantía de mantemento e ampliación da oferta de emprego público para o 2021.

Finalmente, Gómez Reino pediulle ao conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, que “deixe de facer propaganda cando segue a aumentar o número de contaxios en Galicia”.

O portavoz da coalición tamén criticou o “silencio da TVG, que censura á oposición ao non emitir o debate da Deputación Permanente no Parlamento de Galicia” mentres TVE si que ten retransmitido a sesión de control no Congreso como corresponde nunha democracia parlamentar.

Aquí podes escoitar o audio de Gómez Reino en Compostela.

E aquí tes a rolda de prensa completa na nosa canle.