Gómez Reino: “Esta semana aprobáranse uns orzamentos históricos, para un momento histórico e cun apoio histórico»

O deputado de Unidas Podemos puxo en valor que o éxito da política é pechar acordos fronte ao ruido e destacou o respaldo aos PGE de case todas as forzas soberanista e de esquerdas

“Son moi bos orzamentos para o Estado e moi bos para Galicia, cun aumento en dependencia, sanidade, pensións ou educación”

Madrid, 1 de decembro de 2020.– Antón Gómez Reino, deputado de Unidas Podemos e voceiro de Galicia en Común puxo hoxe en valor “o éxito da política de saber chegar a acordos fronte ao ruído e a política cativa que só busca enredar e non mellorar a vida da cidadanía”, facendo referencia ao debate do proxecto de Presupuestos Generales del Estado que ten lugar esta semana no Congreso.

“Esta semana aprobaranse uns orzamentos históricos, para un momento histórico e cun apoio histórico”, indicou Antón Gómez Reino, que lembrou o aumento de máis do 50% do teito de gasto ou os 70.000 millóns de fondos europeos para a recuperación que permitirán “enterrar definitivamente a austeridade e dar paso a unha mobilización histórica de recursos públicos”.

O deputado cualificou as contas como “boas para o conxunto do Estado e tamén para todos os galegos e galegas, cun investimento por habitante de 308 euros, por riba da media do Estado e de Comunidades Autónomas como Catalunya, Euskadi ou a Comunitat Valenciana ou os 832 millóns de investimento real en todas as provincias galegas”.

“Os que voten non este xoves”, continuou Gómez Reino, “deberán explicarlle á cidadanía a que intereses responden e por que lle din que non á baixada dos peaxes na AP9, a rexenerar a ría do Burgo, a subir as pensións a case 800.000 galegos e galegas, a equiparar os permisos de paternidade e maternidade para 11.000 galegos, a subir as bolsas a 52.000 estudantes e, en definitiva, a ir sentando as bases dun novo modelo produtivo que iremos construíndo entre todas nos vindeiros anos”.

Mobilización en Verín e Alcoa

Antón Gómez Reino tamén fixo referencia “a nova lección de civismo dada por Verín tras a concentración que onte arroupou ao xinecólogo Javier Castrillo, que sufre en primeira persoa a política do goberno popular da Xunta de Feijóo” e sinalou que “grazas a profesionais como o doutor Castrillo ao que a Xunta quere castigar, naceron xa 100 nenos e nenas en Verín”.
En relación coa decisión tomada polo TSXG de non aceptar o recurso de Alcoa, Gómez Reino insistiu en que “como levamos dicindo tempo no noso grupo, as cubas non poden parar”.

A preguntas dos medios, o voceiro de Galicia en Común tamén fixo referencia á emenda que Unidas Podemos, Bildu e ERC retiraron esta mañá en relación á paralización dos desafiuzamentos. Gómez Reino lembrou que “a semana pasada dixen que o que importaba non era o como senón o que e hoxe retiramos esta emenda porque o goberno está a traballar nun Real Decreto que vai na mesma liña que a emenda presentada e que ten como obxectivo evitar os desafiuzamentos sen alternativa habitacional e prohibir os cortes de suministros”.

Ademais, o deputado, preguntado polo plan de desescalada de Feijóo en Galicia en relación a hostalería, asegurou que “para escalada a dun presidente da Xunta que dixo abertamente que non vai aplicar unha Lei Orgánica aprobada pola maioría do Congreso como a nova lei educativa” mentres apelaba á necesidade de “ter moitísimo coidado porque, sendo conscientes da necesidade de reactivar a economía e achegándonos a unhas datas tan sinaladas como o Nadal, cómpre ser moi coidadosos para evitar cometer os erros doutros momentos. Por riba de todo”, finalizou, “debe estar a saúde”.

Nesta ligazón podes escoitar o audio da interveción desde o Congreso.