Gómez Reino: “Esta semana eliximos entre o futuro ou quedar atrapados nas contas do pasado”

«Cos últimos apoios anunciados por forzas de esquerda e soberanistas, o bloque plural e progresista consolídase»

“Os partidos que presentaron emendas á totalidade apostan pola chantaxe e non polo diálogo nun momento no que é preciso remar todos xuntos»

Madrid, 11 de novembro de 2020.- O deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, realizou esta mañá unha valoración do debate á totalidade dos Presupuestos Generales do Estado que se celebra esta semana no Congreso. Para Gómez Reino trátase dunha semana “clave onde eliximos entre o futuro ou quedar atrapados nas contas do pasado”, facendo referencia á votación das emendas á totalidade.

“Sorprende que haxa partidos que se din de esquerdas e que presentan unha emenda á totalidade a uns PGE dun goberno progresista que xa están a recibir o apoio de todo o arco da esquerda, de soberanistas e nacionalistas. Cos últimos apoios anunciados consolídase o bloque da investidura».

O deputado pola Coruña e voceiro de Galicia en Común sinalou que “este proxecto orzamentario presenta un aumento histórico do gasto público, revirte os recortes en dependencia, reforza a sanidade pública e a atención primaria con máis de 3.000 millóns de euros”. Ademais destacou o “aumento en 2.000 millóns de euros nas políticas activas de emprego, a regulación dos alugueiros ou a suba das pensións”.

“En canto a Galicia”, continuou, “ademais de verse beneficiada polo aumento do gasto público dos que son os orzamentos máis sociais da historia, é a sexta comunidade por investimentos con 832 millóns de euros e 308 euros por habitante, moi por riba da media estatal de 258 euros”.

“No tocante aos investimentos”, engadiu, “aumentan un 47%, é dicir, en 240 millóns de euros e aínda así hai partidos que, dicíndose de esquerdas e progresistas, insisten en tirar estes orzamentos e, por ende, a este goberno”.

Nese sentido Gómez Reino sinalou que “os partidos que presentaron emendas á totalidade, case todos de dereitas, apostan pola chantaxe e non polo diálogo nun momento no que é preciso que rememos todos xuntos”.

Pazo de Meirás

O deputado tamén se pronunciou ao respecto da decisión da avogacía do Estado de acudir ao xulgado para pedir que se inventariaran os bens do Pazo de Meirás e se evitara que a familia Franco os retirase do inmoble.

Gómez Reino sinalou que “por fin o expolio e a impunidade dos herdeiros do dictador chegan ao seu fin” e engadiu que “igual que o Pazo de Meirás volverá ao patrimonio público, é preciso que se devolvan o conxunto de elementos patrimoniais que siguen en mans da familia Franco”.

Nesta ligazón tes o audio de Gómez Reino.

E pinchando aquí, podes ver o vídeo completo da rolda de prensa deste mércores no Congreso.